Medio cento de organizacións parabenizan Galiza con Palestina polos seus 20 anos de compromiso a prol da causa palestina

Mobilización por Palestina en Compostela

Entre colectivos, organizacións e asociacións superan o medio cento o número de apoios, procedente tanto da Galiza como de Palestina e outros países. Hai na lista, que se fará pública en breve, partidos e sindicatos, organizacións culturais e sociais, colectivos feministas e LBGT, organizacións internacionalistas e até consulados.

A Asociación Galiza por Palestina vai facer nestes meses 20 anos de existencia. Con este motivo, e no marco da celebración do seu XX aniversario, elaborou un manifesto que  presentará en breve publicamente e ao cal ao longo destas semanas chegaron numerosas adhesións tanto de organizacións e entidades como de persoas a título individual.

Entre colectivos, organizacións e asociacións superan o medio cento o número de apoios, procedente tanto da Galiza como de Palestina e outros países. Hai na lista, que se fará pública en breve, partidos e sindicatos, organizacións culturais e sociais, colectivos feministas e LBGT, organizacións internacionalistas e até consulados.

Para esta asociación, estes apoios mostran a existencia dunha "rede" solidaria e de apoio  compromiso coa causa palestina, unha rede especialmente activa nestes meses de masacre e xenocidio na faixa de Gaza.

 Neste sentido, a asociación  Galiza por Palestina lembra que forma parte da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, desde a súa creación en outubro do ano pasado, e que desde entón levan convocando centos de accións e actos por todo o territorio galego. "Como mantemos desde o comezo das convocatorias,  esta axenda de concentracións é posíbel grazas á rede de solidariedade galega coa Palestina que, sen ter sido constituída oficialmente como plataforma, son ducias de asociacións, colectivos e entidades galegas moi diversas que traballan para facer posible este feito extraordinario".

En aumento

O manifesto que van facer público ten como finalidade "continuar no traballo de difusión e adhesións da solidariedade galega", e comezou o seu percorrido entre organizacións como a Asociaciós Galaico-Árabe Jenin e Mar de Lumes. "Podemos afirmar que conta xa con centos de sinaturas de particulares e ducias de organizacións e colectivos galegos e internacionalistas atentos á pluralidade, á diversidade, ao feminismo, ao sindicalismo, ao movemento LGBTQIA+ e ao activismo social e cultural no seu conxunto".