'Cantos de dor e liberdade', un berro da Galiza en axuda de Palestina

O libro colectivo Cantos de dor e liberdade-Voces galegas por Palestina estará á venda en librarías nas vindeiras semanas. Trátase dun poemario no que se recolle a obra de grandes poetas e ilustradores do panorama galego.

Ánxela Gippini (esq.) e Sara Ashour (der.) na presentación na libraría Couceiro de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Ánxela Gippini (esq.) e Sara Ashour (der.) na presentación na libraría Couceiro de Compostela. (Foto: Arxina)

As axudas por parte de colectivos galegos cara Palestina non cesan. A Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumes, Galiza por Palestina e Pallasos en Rebeldía son as entidades detrás deste libro colectivo, xunto coa colaboración de BDS-Galiza e editado por Tempo Galiza.

O libro foi presentado á prensa esta sexta feira, 21 de xuño, ás 11 horas na libraría Couceiro, en Santiago de Compostela. Estará dispoñíbel para a súa venda nas vindeiras semanas. Todos os fondos recaudados serán destinados Integramente para a UNRWA, a axencia da ONU para os refuxiados e refuxiadas de Palestina.

Sara Ashour, en nome da Asociación Galaico Árabe Jenin, e Ánxela Gippini, representante de Galiza por Palestina, foron as encargadas desta presentación á prensa. Destacaron a axuda por parte de todos os autores implicados e reiteraron o agradecemento a Tempo Galiza por publicar o poemario.

Os autores participantes

Este libro colectivo conta coa aportación de cincuenta e dous escritores e ilustradores do panorama galego. Inclúe poetas novos e tamén consagrados da literatura contemporánea. Algúns dos participantes son Yolanda Castaño, Marta Dacosta, Manuel Rivas, Margarita Ledo Andión ou Sechu Sende, entre outros. Conta cun total de 42 poemas, acompañados de doce ilustracións.

O proxecto aspira a dar aínda máis visibilidade á situación actual de Palestina e mostrar todo o apoio posíbel por parte da Galiza. O libro pretende plasmar no papel toda a rabia e dor que se sinte ante tal xenocidio. Desde o colectivo resaltan non só a colaboración dos numerosos escritores, senón tamén todo o apoio e solidaridade por parte do pobo galego.

Axuda a Palestina

Desde as diversas asociación implicadas, declaran que todo o diñeiro recaudado será destinado a UNRWA. Esta axencia da ONU encárgase de enviar axuda humanitaria á poboación de Gaza. A súa directora, Raquel Martí, agradece a todas as asociacións o traballo que están a realizar polo pobo palestino, así como a creación deste poemario.

O libro poderase atopar nas vindeiras semanas en diferentes librarías. Terá un custo de 19 euros e desde as asociacións esperan unha boa acollida dos exemplares. Esperan facer diferentes actividades informativas e culturais en diferentes cidades da xeografía galega. Polo momento, contan coa confirmación do Festival de Poesía do Condado (Salvaterra de Miño), que está adicado nesta edición a Palestina.

Comentarios