A metade dos viticultores da Ribeira Sacra non ten quen lles recolla a uva

Mobilización decorrida onte en Lugo. (Foto: Cedida)

O tempo corre en contra das viticultoras e dos viticultores da Ribeira Sacra. Cando a vendima se prepara para comezar a súa etapa forte e as adegas teñen comunicado a máis de 600 produtores que non lle recollerán a uva, a Xunta avanza a creación dunha mesa de traballo para analizar a situación do sector.

A falta de certezas marca o comezo da vendima na Ribeira Sacra. A días de que arranque a recollida da uva destinada a xerar viño tinto, a produción maioritaria da Denominación de Orixe (DO), ao redor de 600 produtores e produtoras descoñecen se lles recollerán a súa colleita. Neste sentido, os problemas de comercialización afectan practicamente a metade das persoas dedicadas profesionalmente a esta actividade, que segundo os censos procedentes do propio consello regulador suman 1.227 homes e mulleres.

O problema para os viticultores da Ribeira Sacra derívase da negativa das adegas con máis produción a recoller a uva, argumentando a existencia dun importante stock e da falta de saída para os seus viños derivados da caída dos consumos dos tintos. Neste sentido, desde as organizacións agrarias consultadas por Nós Diario indicaron  que “desde a pandemia hai un cambio de hábitos, a xente aposta por viños máis frescos como o branco e isto é común en todas partes” e destacaron que “na Denominación de Orixe Bordeos, en Francia, arrincáronse o ano pasado 5.000 hectáreas de vides de tinto”. 

Rectoral de Amandi

Unha das adegas que comunicou a súa intención de non recoller uva este ano na Ribeira Sacra é Rectoral de Amandi, situada en Sober (Terra de Lemos), que viña marcando perto de 60% da colleita da Denominación de Orixe. Esta compañía de capital galego fai parte do grupo vitivinícola Bodegas Gallegas, fundada polo coñecido empresario Manuel Vázquez, popularmente denominado 'Manolo Arnoia', e actualmente dirixida por un fillo do mesmo nome. Na mesma situación atópase a adega de Belesar en Chantada (na comarca homónima) Vía Romana.

Ponte de Boga, emprazada en Castro Caldelas (Terra de Caldelas), é outra das adegas que tamén informou da súa intención de reducir a compra de uva. A compañía pertence á familia Rivera, propietarios, entre outras marcas de bebidas como Estrella Galicia ou Cabreiroá. Regina Viarum, emprazada en Sober e ligada ao antigo presidente do Celta de Vigo Horacio Gómez, foi a primeira adega que comunicou a súa decisión de recortar a compra de uva para esta tempada. Na mesma liña, fontes da Administración galega sinalaron a Nós Diario que perto de 20 adegas recoñeceron ter problemas de excedentes de viños e que estudan destilar.

A Consellaría de Medio Rural reunise onte coas organizacións Unións Agrarias (UUAA) e Asociación Agraria Galega (AAG) para tratar da situación da Ribeira Sacra. Ao remate da mesma, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, anunciou a creación dunha mesa de traballo liderada polo Goberno galego para tratar a problemática dos viticultores e viticultoras da Denominación de Orixe. Nesa liña, desvelou que se promoverán encontros cos axentes implicados para “analizar conxuntamente a situación actual da DO Ribeira Sacra ante a actual crise de excedentes pola caída do consumo de tintos”.

Axudas

Alemparte asegurou que o Goberno galego destinará 500.000 euros ás adegas para a xestión dos excedentes e avanzou a apertura dunha liña de crédito polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) “para que os adegueiros poidan acceder a préstamos de cara á recollida de uva”. Na mesma dirección, destacou que a DO Ribeira Sacra require de medidas de “planificación estratéxica”, para “abordar os retos de futuro ante un contexto internacional de descenso de consumo de viño tinto e de acumulación de excedentes”.

O responsábel de coordinación sindical de Unión Agrarias, Felix Porto, que participou en representación deste sindicato na reunión coa  Consellaría do Medio Rural, valorou ao remate da mesma como “un primeiro paso” que se constitúa a mesa de traballo para a Denominación de Orixe da Ribeira Sacra. A este respecto, afirmou que “non vai ser sinxelo e vai haber que tomar decisións difíciles de futuro” e insistiu en que “é necesario que nos sentemos todas as patas do sector”.

Porto indicou que “necesitamos solucións a curto prazo”, mais recoñeceu  que “nunha primeira reunión é imposíbel telas enriba da mesa”. Neste punto, anunciou a convocatoria de novas reunións para concretar medidas e definir alternativas para que o problema “non se repita un ano tras outro”.

Un cento de produtoras reclaman en Lugo solucións para a Ribeira Sacra

Un cento de viticultores e viticultoras da Ribeira Sacra mobilizáronse onte diante do edificio administrativo da Xunta da Galiza en Lugo para demandar do Goberno galego solucións aos problemas dos produtores e das produtoras da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A protesta, convocada en solitario polo Sindicato Labrego Galego (SLG), serviu para reclamar “medidas realmente efectivas e inmediatas para que os viticultores que lles quede a uva sen recoller teñan unha compensación económica que cubra, como mínimo, os custos de produción”.

O viticultor de Pantón e membro do SLG David Álvarez afirmou durante a mobilización que “xa imos tarde, porque xa hai que xente que sacou a uva”, e acusou a Xunta da Galiza de “tomar o pelo” aos produtores da Ribeira Sacra. Nesta liña, asegurou que para o Goberno galego “sobramos os viticultores” e considerou insuficientes as axudas da administración.

A concentración foi apoiada polo Bloque Nacionalista Galego, quen denunciou que ”o Executivo de Alfonso Rueda fixo ouvidos xordos ante as reclamacións que levan facendo desde hai meses os viticultores, que se enfrontan a unha grave crise diante da cal a Consellaría do Medio Rural só ten ofrecido unha liña de axudas pírricas”.

Desde a Federación Rural Galega (Fruga) volveron demandar á Administración galega que “garanta a curto prazo a recollida da uva a todos os viticultores e viticultoras a un prezo que cubra os custos de produción” e urxiu o Goberno galego “a comezar a planificar a campaña do vindeiro ano”.