Centos de persoas enchen os pendellos de Agolada de "vida" contra a celulosa de Altri

Asistentes a unha das actividades da xornada Ferrados de Vida, este sábado en Agolada (Deza). (Foto: Nós Diario)

A Plataforma Ulloa Viva organizou unha xornada multidisciplinar para pór en valor o sector primario galego.

Perto de mil persoas participan este sábado na primeira edición da xornada “Ferrados de vida” que organiza o colectivo Agolada Viva, da Plataforma Ulloa Viva, nos Pendellos de Agolada (Deza).

Ao longo do día, máis de 70 produtoras chegadas de toda a Galiza e expertas en diversos eidos comparten con centos de asistentes a experiencia, sabedoría e o seu bo facer dentro do sector primario e transformador, pondo en valor a importancia e o potencial que ten o sector produtor galego, fronte a proxectos como o da macrocelulosa de Altri, que de pórse en marcha “acabaría con toda a produción de alimentos de calidade, tanto da Terra do Medio coma da ría de Arousa”.

Está a ser unha xornada multidisciplinar, interactiva, interxeneracional, didáctica e lúdica na que comparten espazo as mesas redondas de expertas arredor de nutrición, medio ambiente e sistemas produtivos, gastronomía e historia da alimentación na Galiza; a música e a danza, os espazos de exposición e venda de productos, as degustacións e a alta cociña galega en base ás materias primas do país, obradoiros e actividades infantís, e a experiencia dos “mestres de vida” que achegan a sabedoría tradicional e o bo facer que converteron os sectores primarios galegos nunha “marca e garantía de calidade e sostibilidade”.

A xornada comezou na Praza da Randulfa, coa apertura oficial por parte do colectivo Agolada Viva, que contou coa presenza do narrador oral, poeta, horticultor e ornitófilo lalinense Celso Fernández Sanmartín.

Esta xornada sobre o rural sostíbel analiza con expertas en tres mesas redondas ao longo do día cuestións coma a dieta atlántica, a historia da alimentación na Galiza, o sistema agrario tradicional coma base da nosa alimentación ou a importancia das brásicas na gastronomía do país. Nutricionistas e médicas tamén poñen en valor a importancia da alimentación en contacto coa natureza e a “indispensábel relación da dieta coa saúde e o medio ambiente”. Tamén hai este sábado en Agolada representación das produtoras de cosmética natural que están a comercializar e elaborar produtos neste eido de modo sostíbel.

Na primeira das mesas divulgativas participaron o doutor en Bioloxía e presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Antón Masa; o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xavier Simón; o catedrático de Historia e escritor Xavier Castro; a bióloga e membro do CSIC Pilar Soengas; e Estefanía Zardoya, médica especialista en Medicina familiar e comunitaria.

Na sesión vespertina, noutra das mesas, moderada por Roxelio Santos Queiruga, mariñeiro, patrón de pesca e divulgador do mar, tomarán parte produtoras como Muuhlloa-Milhulloa, Traloagro, Labrecos, Casa da Fonte, Os Casares e Projecto Dispersor. O enxeñeiro agrónomo Xoán Castro será o moderador doutra mesa divulgativa coa participación de Casa Bértolo, Daveiga, Arqueixal, Chorima, Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) e Mulleres Salgadas.

Tamén música e gastronomía

“Ferrados de Vida” tamén ofreceu un importante espazo para a posta en valor dos produtos galegos a través de representantes da cociña do país, que elaboraron pratos coas materias primas dos produtores presentes na feira para que o público valorara a súa calidade.

O chef Álex Iglesias, da tapería Dúas Liñas de Arzúa (comarca homónima); Gerson Iglesias, chef do Restaurante Erva e presidente da asociación Cociña Ourense; Pedro Lalo tamén chef de Cociña Ourense; e Alberto Rodríguez, presidente da Asociación Reposteira Tradicional de Melide e propietario da Pastelería Estilo, fixeron no mediodía deste sábado as delicias do público asistente coas súas elaboracións. Neste apartado de “Ferrados de Vida” desenvolveuse un espazo interactivo entre os chefs, nutricionistas e produtores, coa participación da dietista-nutricionista Ana López Hernández. A presentación deste espazo correu a cargo da actriz agoladesa Mónica García.

Tamén as crianzas teñen en Agolada o seu propio espazo , cun obradoiro práctico no que, de 16 a 18 participan nutricionistas expertos no deseño de menús infantís en escolas de todo o país. Durante a actividade, “Nutricoles” ensinan os participantes a facer “ensaladas tolas”, dun xeito divulgativo e práctico para que as crianzas aprendan a cociñar os seus propios pratos saudábeis con produtos sostíbeis do país.

Ademáis a música ten tamén un papel destacado en “Ferrados de Vida”. Na apertura da xornada deleitou as asistentes Eva Quiroga co seu espectáculo de danza contemporánea Nosa Terra. E no Pendello Museo está dispoñíbel ate´as 20 horas un espazo divulgativo coa Exposición Fotografía Sector Primario e Librería Nigraponte. 

Ademais, en tripla sesión (ás 12 , ás 16 e ás 18 horas) proxectarase o documental Altri: a Sede Insostíbel elaborado por O Salto e a Cooperativa A Xarda.