Milleiros saen á rúa en Pontevedra na defensa da sanidade pública

[Imaxes: Pontevedraviva]

Pontevedra amosou o seu rexeitamento á privatización da sanidade nunha manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública. Denuncian o traslado de pacientes a Compostela e advirten que tomarán medidas mesmo legais porque se están a "vulnerar o dereito á asistencia sanitaria".

 

Perto de 5.000 persoas percorreron as rúas de Pontevedra no serán desta sexta feira baixo o lema 'A sanidade pública non se vende. Deféndese'. Malia o azoute de Ulla --máis un temporal que chegou a Galiza nestes días-- a mobilización, concada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, deu continuidade á marcha que congregou en Vigo na quinta feira arredor de 40.000 persoas. 

Contra o mapa sanitario da Xunta

Entre as reivindicacións d@s manifestantes: a defensa da sanidade como un dereito e o rexeitamento da reorganización de pacientes aprobada pola Xunta de Galiza e que deriva doentes ao Hospital de Compostela en troca do de Vigo, como acontecía até o de agora. E é que perto de 300.000 persoas xa padeceron as consecuencias desta decisión que lles obriga a desprazarse máis de 60 km por estrada (50km por autovía). 

"É obvio que o noso Hospital de Referencia debe ser o que estea más perto da casa", asegurou a escritora Fina Casalderrey, encargada de dar leitura ao manifesto da Plataforma. Aliás, o seu portavoz, Manuel Martín, subliñou que a convocatoria quixo dar unha resposta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para lle dicir "que non estamos de acordo co desmantelamento dos servizos de referencia de Pontevedra" pois "o traslado a Santiago suporá o dobre de gasto e de percorrido". Ao tempo, acrecentou, que a cidade perderá "servizos que lle corresponden por poboación". 

"É obvio que o noso Hospital de Referencia debe ser o que estea más perto da casa"

Tomarán medidas, tamén legais, contra o ataque ao dereito de asistencia sanitaria

Na mobilización, da que tomaron parte o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), representantes das asociacións veciñais, organizacións políticas (todas, agás o PP), forzas sindicais, organizacións xuvenís e estudatís; @s manifestantes tamén amosaron o seu rexeitamento ao proceso de privatización posto en marcha polo Partido Popular e que nos últimos meses, sinalaron desde a Plataforma, "está a adquirir velocidades de cruceiro". Porén, a cidadanía non se resigna e aseguran que continuarán na loita até paralizaren o proceso como xa aconteceu nalgún outro territorio do Estado español. 

"Imos adoptar medidas de alianza e de tipo legal porque se está a vulnerar o dereito á asistencia sanitaria e dereitos da saúde recoñecidos pola Constitución e a Lei de Sanidade", aseverou o portavoz de SOS Sanidade Pública en Pontevedra, quen avanzou estaren a estudar as mellores vías de maneira conxunta cos grupos parlamentares e os asesores do propio movemento social.