Mobilidade

O tren directo Lugo-Compostela... máis perto? Transportes licita o estudo de viabilidade para "renovar e modernizar" a liña

Trens de Renfe na estación de Santiago de Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press).

O Ministerio de Transportes anuncia a licitación dun estudo de viabilidade para conectar por tren a cidade de Lugo coa capital galega —e abrila así á liña ferroviaria do Eixo atlántico— que constará de dúas fases.

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel anunciou esta segunda feira a licitación dun estudo de viabilidade para a conexión ferroviaria directa entre as cidades de Lugo e Santiago de Compostela a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade. A redacción do estudo, que saíu a concurso por un importe de 423.500 euros e que persegue, segundo o Ministerio, o obxectivo de definir un novo trazado capaz de "renovar e modernizar" a conexión ferroviaria entre Lugo, a capital da Galiza e as principais cidades da cornixa atlántica, constará de dúas fases.

A primeira fase estará centrada en analizar a mobilidade no ámbito da cidade amurallada para poder avaliar os fluxos de viaxeiros e viaxeiras, determinar as necesidades da poboación e estabelecer o nivel de demanda de novos servizos de transporte en Lugo e a súa contorna de influencia.

Durante a segunda traballarase directamente na caracterización do trazado a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade, á vez que se procederá a avaliar os traballos de acondicionamento necesarios na liña ferroviaria xa existente.

Finalmente, precisou o Ministerio, analizarase a conveniencia das alternativas propostas con base "nun estudo de rendibilidade socieconómica" que tomará en consideración "a demanda e os tempos de viaxe previstos".

O estudo de viabilidade, que vén dar resposta a unha demanda antiga da veciñanza luguesa, encádrase dentro das actuacións previstas desde o Ministerio de Transportes para modernizar a rede ferroviaria galega mellorando algúns "trazados centenarios" que impedían, indicaron, o desenvolvemento de "conexións eficaces" e que se traducían nunha "baixa competitividade" do ferrocarril en relación a outros medios de transporte.

PSOE e BNG celebran o anuncio

As reaccións ante o anuncio da licitación do estudo de viabilidade ferroviaria entre Lugo e Compostela non se fixeron esperar. O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, cualificou a noticia como unha mostra do "compromiso firme" do Goberno estatal coa "modernización das comunicacións na Galiza" e como unha "aposta por mellorar a conectividade de Lugo" coas demais cidades do Eixo atlántico.

"Este estudo supón un salto cualitativo nas infraestruturas ferroviarias", subliñou Tomé, para quen conectar a cidade de Lugo con Compostela, A Coruña ou Vigo é unha "ferramenta chave" para "mellorar as comunicacións, facilitar a mobilidade sustentábel e impulsar o desenvolvemento económico, turístico e social" de todas as comarcas pertencentes á circunscrición de Lugo.

Igualmente satisfeito co "avance" pero máis crítico coa xestión do Executivo español en materia ferroviaria mostrouse, pola súa parte, o portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, que definiu como unha "boa noticia" o estudo de viabilidade anunciado, mais alertou do "importante atraso" no que segue sumido ao seu xuízo Lugo en materia de conexións por ferrocarril.

"Pedimos que xunto coas melloras nas infraestruturas se retomen os servizos das liñas eliminadas nos últimos anos", manifestou o tamén tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, que instou o Goberno español a "planificar mellor os investimentos ferroviarios" nos concellos desta circunscrición. "Lugo segue sufrindo unha histórica discriminación en canto a investimentos que se traduce nun déficit en infraestruturas", denunciou.