Un minuto de berro en silencio na Coruña contra o masacre de crianzas en Gaza

Conncentración na Coruña (Foto: Acampa pola Paz)

Convocada por Rede Acampa diante do memorial á infancia asasinada na faixa e noutras guerras activas no mundo.

Un minuto de silencio nos xardíns Méndez Núñez da Coruña para berrar contra o masacre de miles de nenos e nenas en Gaza. Un acto que se desenvolveu no marco da VIII edición das xornadas internacionais que Acampa pola paz organiza anualmente na cidade coruñesa en defensa dos dereitos humanos e que nesta ocasión se centrou na infancia que sofre a guerra; ou no caso de Gaza, unha invasión dun dos Exércitos máis poderosos do mundo e que leva asasinados 19.000 nenos e nenas en 9 meses.

A concentración desenvolveuse diante do Memorial da infancia asasinada que nestas días se ergue na Coruña para non esquecer as crianzas asasinadas, feridas ou refuxiadas. Un acto “contra a barbarie”.

 “Infancia e Mocidade Refuxiada” é o tema deste Encontro internacional. como non mirar cara a Gaza, cara a Ucraína, cara á fronteira sur, cara a Afganistán, Iemen…

Durante eses días, os Xardíns de Méndez Núñez son “o espazo no que se confirme de novo que A Coruña é unha cidade sensíbel á dor humana. Especialistas, activistas, fotógrafos e fotógrafas especializadas en Xornalismo Humanitario, ONGs, documentais, música…conformarán o programa de Acampa2024”.

"Os datos de Acnur do ano 2023 son alarmantes. A cifra de persoas desprazadas forzosamente supera xa os 114 millóns de persoas. A metade desa cifra son nenos e nenas menores de 18 anos, unha infancia vulnerábel e constantemente en tránsito. En moitas ocasións chegan sen familia, ou a perden no proceso migratorio, están enfermos, en shock emocional, son criminalizados, ven obrigados a renunciar, durante anos, ao seu dereito para escolarizarse, a aprender… En definitiva, a medrar como debe facelo calquera neno."

Este Encontro Internacional, mantén Rede Acampa, debe servir para que a sociedade civil levante a voz e esixa aos gobernos a garantía dunha lexislación específica que asegure a protección dos dereitos da infancia e a adolescencia, no marco legal e regulatorio dos Dereitos Humanos. “Non podemos seguir normalizando as devolucións en quente ou a transferencia da nosa responsabilidade na atención migratoria, externalizando as fronteiras e pagando cos nosos impostos a estados antidemocráticos para que actúen como auténticos matóns, violando os Dereitos Humanos a diario”, conclúen.