Morre un home de 82 anos atropelado pola súa muller ao dar marcha atrás co coche en Sarreaus

Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario)
O suceso tivo lugar ás 22.25 horas nun camiño de terra que dá acceso a un garaxe e a dúas vivendas particulares.

Un home de 82 anos faleceu ao ser atropelado polo vehículo que conducía a súa muller cando realizaba a manobra de marcha atrás no lugar de Ameá, no municipio de Sarreaus (A Limia). Segundo informou a Garda Civil de Ourense, o suceso tivo lugar ás 22.25 horas nun camiño de terra que dá acceso a un garaxe e a dúas vivendas particulares, polo que non ten consideración de vía pública. Este feito, conforme sinala a Garda Civil, exclúe que o sinistro sexa tratado como un accidente de tráfico e pasa a considerarse como doméstico. A xuíza e o médico forense desprazáronse ao lugar.