Morren tres traballadores dunha empresa de Carballo ao chocar cunha camioneta en Carracedelo (León)

Lugar do accidente en Carracedo. (Foto: Infobierzo vía 112 Castela e León)
O sinistro tivo lugar na N-VI, foi unha colisión frontal entre un camión e unha 'pick up'.

Tres homes, traballadores da empresa Pinturas Gis de Carballo (Bergantiños), faleceron e outras dúas persoas resultaron feridas na colisión dun camión e unha camioneta tipo 'pick up' na N-VI á altura do municipio leonés de Carracedelo.

Dous dos empregados son veciños dos municipios de Carballo e Coristanco, respectivamente, segundo informan a Europa Press fontes consultadas.

O suceso tivo lugar minutos antes das 9.20 horas desta segunda feira, momento no que a sala de operacións do 112 Castela e León recibiu varias chamadas para avisar dun accidente no quilómetro 398 na estrada N-VI, Carracedelo (León).

Os avisos indicaron que un camión e unha 'pick up' chocaron frontalmente e que había tres persoas feridas no turismo que están atrapadas e necesitaban asistencia sanitaria.

Asistencia médica

O 112 informou deste accidente á Garda Civil de Tráfico, aos bombeiros de Ponferrada e a Emerxencias Sanitarias, que enviou dúas ambulancias de soporte vital básico, unha UVI móbil, o persoal sanitario do centro de saúde de Cacabelos e un helicóptero medicalizado.

O persoal sanitario que acudiu ao lugar confirmou o falecemento de tres persoas, e atendeu dous feridos, un no lugar do accidente e outro que foi trasladado ao Hospital de León en helicóptero medicalizado.