Xustiza

Falta de persoal, escaseza de comida e suxeición física sen prescrición: as infraccións dunha residencia sancionada en Ourense

A residencia foi tamén sancionada por obstrución do labor de inspección. (Foto: Nós Diario)
O TSXG ratifica a multa de 38.000 euros que a Xunta da Galiza impuxo á fundación xestora dunha residencia de Ourense por seis infraccións.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de confirmar a multa de 38.000 euros que a Xunta impuxo á fundación xestora dunha residencia de Ourense por seis infraccións, entre elas unha moi grave por realizar unha suxeición física a un usuario cun chaleco sen haber prescrición médica nin un consentimento informado.

No veredicto, emitido o pasado 19 de xullo e contra o cal aínda cabe recurso ante o Tribunal Supremo, os maxistrados desestiman o recurso que presentara previamente a entidade contra a sentenza ditada polo Xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Ourense. Esta primeira resolución considerou "plenamente acreditada" a comisión dos feitos.

A sanción máis grave foi a da suxeición mediante chaleco por 15.001 euros, á que se suman outras tres por infraccións cualificadas como graves: 15.000 por non garantir a presenza de persoal de enfermaría as 24 horas, 3.001 por non respectar o menú proposto e pola escaseza da comida que se servía e outros 3.001 euros por obstrución do labor de inspección.

Ademais, hai outras multas por uns 1.000 euros cada unha por infraccións leves: non presentar as memorias de actividades dos anos 2016, 2017 e 2018 no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais que habilita a Xunta, así como por presentar deficiencias estruturais ou de acabado nas súas instalacións, mobiliario e útiles, e mais no seu funcionamento.

Na sentenza, o TSXG advirte á fundación xestora do centro que a revisión das probas habería que realizala con anterioridade, "non cando do escrito de apelación se desprende o mero propósito da parte apelante [a xestora] de substituír coa súa propia valoración da proba" a que previamente realizou o xulgador de instancia.

As alegacións, "insuficientes"

Só se analizaron neste proceso as alegacións sobre tres das seis infraccións. Así, os maxistrados sinalaron que as probas que o expediente incorporou "non se estimaron suficientes". Sobre a sanción de 15.001 euros polo emprego de contención, a fundación xestora da residencia asegurou que non comportara "un trato degradante nin incompatíbel coa dignidade do usuario".

Con todo, o TSXG lembra que as medidas de contención "non se han de aplicar cando hai medidas alternativas, nin como castigo, por comodidade do persoal ou por reducir a vixilancia". De feito, o tribunal recalca que a fundación "non demostrou que esa medida de contención era necesaria, segura, proporcionada, xustificada, prescrita por especialista e consentida".

No que atinxe á multa por non contar con persoal de enfermaría as 24 horas, o TSXG subliña que é unha obriga estabelecida por unha orde de 1996 e que a xuíza de instancia "non incorreu nun erro", posto que en dúas visitas —realizadas polo persoal de Inspección en 2019 e 2020— o número de dependentes superaba os 40, o que obrigaba a contar con presenza física destas profesionais durante todo o día.

Así mesmo, no relativo a que o centro non respectase o menú proposto e a cantidade de comida, os maxistrados entenden que as alegacións da fundación son "insuficientes" para desmontar o informe de Inspección, que "non deixou marxe para a dúbida".