Nace 'Xeración Alfa': Pontevedra acolle a presentación da revista de actualidade da mocidade galega

Sara Faro, Ana Loureiro, María Obelleiro e Rafa Ruíz-Matas, na presentación de 'Xeración Alfa' esta terza feira en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
Pontevedra acolleu esta terza feira a presentación pública da nova revista xuvenil editada por Sermos Galiza S.A., 'Xeración Alfa', coincidindo co día en que saíu do prelo o primeiro número. Miles de mozos e mozas de todo o país puideron gozar xa dos variados contidos que lles ofrece esta nova publicación, desde o sector cultural até a moda, o deporte ou a formación.

Unha vez rematado o alfabeto latino coa xeración 'Z', a socioloxía dá agora paso ao grego con 'Alfa', a denominación que reciben as persoas nadas, aproximadamente, entre 2010 e o vindeiro ano 2025. Un punto e á parte na nomenclatura das xeracións como tamén o é a propia xeración á que 'Alfa' dá nome, a primeira en medrar nun mundo que se podería considerar totalmente dixital. E co obxectivo de chegar a estes mozos e mozas, coñecer as súas inquedanzas e ofrecerlles unha lectura que lles resulte amena partindo dos seus intereses naceu a revista xuvenil Xeración Alfa, editada por Sermos Galiza S.A. e que esta terza feira saíu do prelo acompañando, de balde, o xornal Nós Diario.

O primeiro número desta revista protagonizárono as Fillas de Cassandra e tivo unha tirada total de 6.700 exemplares. A saúde sexual e afectiva, a creación artística, as neofalantes de alén da Galiza que abrazan a lingua propia do país e a drag pandeireteira Meiga-i son protagonistas da revista.

Gómez e Faro dialogan con asistentes á presentación (Foto: Nós Diario).

E esta terza feira mesmo, coincidindo coa súa estrea, Xeración Alfa foi presentada oficialmente en Pontevedra no marco do 'mes da lingua' que celebra o Concello. No acto participaron a directora de Nós Diario, María Obelleiro; as coordinadoras da revista xuvenil, Ana Loureiro e Rafael Ruíz-Matas, e unha das integrantes do dúo Fillas de Cassandra, Sara Faro. Na súa intervención, Obelleiro salientou a "necesidade de pór a disposición da mocidade materiais xornalísticos con contidos sobre os seus intereses e na súa linguaxe", dado que na actualidade, incidiu, "non os hai".

O obxectivo deste proxecto, precisou a directora de Nós Diario, é servir de instrumento para "mellorar a comprensión escrita en lingua galega" e "achegar o noso gran de area a incrementar a competencia lingüística en galego cando todos os estudos apuntan a unha caída xa non só no seu uso, senón tamén no seu coñecemento", así como ofrecer á mocidade galega propostas socioculturais que "evidencian o potencial creador que existe no país", culminou Obelleiro. Acto seguido falaron Ana Loureiro e Rafael Ruíz-Matas, coordinadores da revista. "Xa tendes nas vosas unha primeira mostra co que sería o primeiro número, mais quedan outros tres números cheos de contidos culturais para a rapazada. Desta forma nós definimos Xeración Alfa coma unha revista en papel que non só procura achegar información cultural á rapazada, senón que esta feita na súa meirande parte grazas ás novas e novos creadores e coa mocidade como protagonista", explicaron os autores.

Loureiro subliñou que "o interesante de que a publicación sexa en papel é que este formato lexitima os contidos, dándolle a importancia que se merecen ás persoas creadoras", mentres que Ruíz-Matas, pola súa parte, destacou que "Xeración Alfa serve como escaparate para todas aquelas persoas novas que achegan propostas de valor no ámbito cultural, audiovisual ou deportivo".

Sara Faro, de Fillas de Cassandra, comezou a súa intervención centrándose no mundo da música. Porén, visibelmente emocionada, mudou o discurso que tiña preparado, como fixo saber ao público, e quixo focalizar as súas palabras no potencial creativo da xente moza da Galiza. Nunha interpelación a este grupo de idade, e aproveitando que estamos no mes da lingua, animou a mocidade a atreverse co galego e falalo na súa vida cotiá. "Eu son neofalante", recoñeceu ao respecto. Finalmente, Faro sinalou que foi xirando por fóra da Galiza con Fillas de Cassandra cando comprendeu o gran potencial  da industria cultural do país.

Estudantado de secundaria recibe nas aulas a nova revista

A nova revista xuvenil editada por Sermos Galiza S.A. chegou ao alumnado de Secundaria de entre 13 e 17 anos dos centros de ensino de Pontevedra e Santiago de Compostela grazas á colaboración de ambas as Corporacións locais coa empresa editora de Nós Diario e Xeración Alfa. A saída do prelo desta publicación enmarcouse na conmemoración do mes das Letras Galegas, unha cita protagonizada este 2024 pola poeta Luísa Villalta. Así, as e os estudantes puideron gozar da revista e traballar na aula cos seus variados contidos, facendo unha primeira aproximación ao mundo do xornalismo.

Dúas mozas lendo a revista 'Xeración Alfa', esta terza feira en Compostela (Foto: Nós Diario).

A acollida da revista foi especialmente boa entre o alumnado, que nas tres próximas semanas seguirá recibindo a revista. O concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez, explicou que desde o primeiro momento "non tivemos dúbida de que era unha obriga participar neste proxecto". Ao respecto, abondou o edil, "falta aínda moita normalización lingüística". "Hai dúas características fundamentais nesta revista e a primeira é que é unha iniciativa que xorde da sociedade galega", valorou Gómez, quen foi o encargado de conducir o acto de presentación de Xeración Alfa.

Saúde mental, música, influencers... e máis!

Xeración Alfa acompañará Nós Diario todas as terzas feiras de maio. O vindeiro número, que sairá o 14 de maio, contará cunha extensa entrevista a Bruno Arias, cineasta novo gañador dun Mestre Mateo, e cunha ampla reportaxe sobre saúde mental. Tamén se abordarán as redes sociais e influencers galegos e galegas, creadoras musicais e profesionais da rama das Humanidades e as Ciencias Sociais. O número fechará cunha entrevista á atleta Antía Chamosa.

Nas seguintes dúas entregas da revista trataranse os podcasts en galego, videoxogos ou o movemento vegano, cuestións que espertan especial interese nas mozas e mozos de hoxe.

Xeración Alfa está tamén, desde esta terza feira, dispoñíbel na edición dixital de Nós Diario (nosdiario.gal) para a súa lectura na web e mais en formato PDF —a través da hemeroteca—.