Millentas mulleres claman en Compostela polo dereito a decidir sobre os seus corpos

[Imaxes: O.R.]

Unha maré lilá percorreu as rúas de Compostela para exixir a retirada do anteproxecto de lei de reforma do aborto mais tamén para reivindicar os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. O primeiro deles, a súa capacidade para decidiren sobre os seus propios corpos.

 

Compostela converteuse este domingo (9 de marzo) nunha festa a prol dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. Unha maré feminista tinguiu de lilá as rúas da capital galega da man de milleiros de mulleres --e homes solidarios-- que reclamaron o dereito a decidiren sobre os seus propios corpos. Coas facianas pintanas, portando cartaces feitos a man, faixas e unha morea de camisolas co lema "Aborto libre e gratuíto" o movemento feminista galego deu unha contundente resposta aos gobernos da dereita, a igrexa católica e as organizacións que se din pro-vida: "nen sumisas, nen caladas, nen tuteladas" as mulleres "podemos e debemos decidir". 

"De que vida fala o PP?"

Corrían por volta das doce e media cando a manifestación botou a andar. Ás portas da estación de tren de Compostela, congregábanse unha morea de organizacións sociais, políticas, sindicais e persoas a título individual que, para alén de tomaren parte da Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto, responderon á chamada do movemento feminista. A convocatoria era clara. Enchamos a Quintana polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, postos en cuestión polo anteproxecto de lei que o executivo español quer aprobar. Unha reforma lexislativa en aras dunha pretensa "defensa da vida" penalizará o aborto e impedirá ás mulleres decidiren sobre os seus propios corpos. 

"De que vida fala o Partido Popular cando fala da vida?" preguntáronse milleiros de manifestantes. Face "políticas inxustas", recortes nos servizos públicos máis elementais como a sanidade e a educación, as sucesivas reformas laborais ou as limitacións impostas no acceso á reprodución asistida, a maré de cidadás que se congregaron este domingo en Compostela reclamou o dereito a viviren dignamente. "Petamos ás portas dos nosos inimigos", aseguraron na leitura do manifesto, para denunciaren o "alarde de hipocrisía e machismo" co que a dereita española e galega "quere impor un modelo de sociedade no que a vida das mulleres teña como único obxecto ser nais". 

Un "roubo planificado" dos seus corpos

É para elas "un roubo planificado" dos seus corpos e da súa autonomía para decidiren sobre eles. "Un campo de batalla" no que non están dispostas a ser derrotadas, como se lía nalgúns dos cartaces das manifestantes. É así, que exixiron "a retirada do anteproxecto de lei" de reforma, a "regulación da obxección de conciencia" para garantiren o acceso á interrupción voluntaria do embarazo, a "retirada da lei Wert" e a incorporación ao ensino regrado dunha "educación sexual libre de estereotipos sexistas e homófobos". Mais tamén, seren consideradas "suxeitos de pleno dereito", capaces de decidiren por si propias sobre calquera cuestión, mais sobre todo, a respeito de seren nais ou non. 

"O 90% das mulleres que até o momento abortaron terían que facelo de maneira ilegal"

Do contrario, de se aprobar o anteproxecto de lei deseñado polo Ministerio de Xustiza, están certas de que "o 90% das mulleres que até o momento abortaron terían que facelo de maneira ilegal". As que poidan pagalo, lembran, "irán ao estranxeiro", as que non "á clandestinidade". E non hai tanto tempo que centos de mulleres se viron abocadas a practicaren(se) un aborto con aquilo que tiñan máis a man. Para lembrar as ferramentas, mais tamén as consecuencias daquelas prácticas, un grupo de manifestantes repartiu perchas cun pequeno indicador en que se podía ler: "Esta foi unha ferramenta empregada para practicar abortos durante moitos anos... Queres volver tela na túa cona?". 

Pirixel plantado na Praza da Quintana lembraba tamén aqueles abortos clandestinos acompañado dunha maleta con destino a Londres ou Portugal, onde moitas mulleres poderían interromper a súa gravidez previo pago de importantes cuestes económicos. "É unha lei clasista", salientaron as manifestantes, pois abrirá unha fenda entre as que non poidan pagalo. É por iso, subliñaron, que a sanidade pública debe "garantir o acceso a un dereito fundamental" e sobre o que "só podemos decidir as mulleres". 

"Non imos permitir que nos poñan a parir"

Ao son da batukada lanzaron unha mensaxe ao poder político: "non imos permitir que nos poñan a parir". Unha denuncia á que quixeron sumarse tamén persoeiras do mundo da cultura que tomaron a palabra ao remate da manifestación nun acto de clausura que contou coa voz de Mercedes peón, Sés ou Uxía Senlle. 

Tamén tomaron parte da mobilizacións responsábeis políticos das organizacións que toman parte da Plataforma como a deputada do BNG, Carme Adán, Eva Solla da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e a deputada do PSdeG-PSOE, Carme Acuña.