O Nobel de Física Klaus von Klitzing visitará Compostela

Klaus von Klitzing. (Foto: Fundación Ramón Areces)

O físico polonés estará na capital galega convidado polo Programa Conciencia, que dirixe o catedrático da USC Jorge Mira.

O científico Klaus von Klitzing, Premio Nobel de Física en 1985 e actual director do Instituto Max Planck para a investigación en estado sólido, estará en Santiago de Compostela a próxima semana convidado polo Programa Conciencia, que dirixe o catedrático da USC Jorge Mira.

Segundo informou a universidade compostelá, o programa da súa visita inclúe unha conferencia dirixida ao público en xeral, un encontro cos medios de comunicación, unha sesión de traballo sobre materiais bidimensionais e reunións con autoridades académicas e civís.

Klaus von Klitzing (Schroda, Polonia, 1943) licenciouse en Física na Universidade de Braunschweig e doutorouse na de Würzburg. Na súa etapa postdoutoral realizou períodos de investigación no Clarendon Laboratory de Oxford (Reino Unido) e no laboratorio de altos campos magnéticos do Instituto Max Planck, no complexo científico de Grenoble (Francia). Foi precisamente neste instituto onde, tan só con 37 anos, realizou o descubrimento do efecto Hall cuántico que o levou a conseguir o Premio Nobel cinco anos despois.

O profesor Von Klitzing comezará a súa visita a Compostela na cuarta feira 11 de setembro cunha reunión ás 10.15 horas no Pazo de Raxoi coa alcaldesa, Goretti Sanmartín. A continuación, ás 11 horas, trasladarase ao Colexio de San Xerome para reunirse co reitor da USC, Antonio López, e asinar no Libro de Honra da institución. O programa da cuarta feira concluirá cun encontro cos medios de comunicación en San Xerome, ás 11.30 horas.

A xornada da quinta feira iniciarase ás 12 horas no Instituto de Materiais da USC cunha sesión de traballo sobre materiais bidimensionais na que, ademais do Premio Nobel, está prevista a participación dos presidentes da Real Sociedade Española de Física e da división de física da materia condensada da European Physical Society, así como de persoas destacadas líderes na materia en España.

O acto central da visita de Klaus von Klitzing será esta mesma quinta feira, 12 de setembro, ás 19.30 horas, no Salón Nobre de Fonseca, cando pronuncie a conferencia “A revolución cuántica en metroloxía” aberta a toda a cidadanía.