“Por se non escoitan, berramos Altri non!”: Así soa a viral canción que chama a asistir á manifestación contra a macrocelulosa da Ulloa

As integrantes da Panadaría cantan contra Altri. (Foto: Nós Diario)

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Keldeman, que integran a compañía teatral A Panadaría, cantan contra o Proxecto Gama

“Din que moitos postos de traballo van crear (mentira) e non falan nada do que van contaminar. 45 millóns de litros do río Ulla van roubar (ao día). Vaise converter Galiza nun grande eucaliptal”.

Así comeza a canción interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Keldeman —integrantes da compañía de teatro A panadaría— coa que chaman a participar na manifestación contra a instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa), que partirá este domingo, 26 de maio, ás 12 horas do polígono industrial desta localidade.

Publicada nas redes sociais da Plataforma Ulloa Viva na tarde da sexta feira, 24 de maio, a canción fíxose viral en poucas horas, sendo compartida por centos de persoas e colectivos que comparten o espírito do retrouso do tema musical: “O pobo grita ‘Alto!’, o pobo grita ‘Non!’, e por se non escoitan berramos: ‘Altri non!’.

Con críticas á contaminación que provocaría a consumación do Proxecto Gama na Ulloa, así como ao consumo de auga procedente do río Ulla e ao modelo eucaliptizador que suporía para a Galiza, a canción tamén lembra Rosalía de Castro.

“Adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos. Adeus vista dos meus ollos non sei cando nos veremos. Xa o dicía Rosalía, ela tivo que marchar. Nós estamos fartas e na terra imos quedar”, alertan as integrantes da Panadaría, coñecidas por éxitos teatrais como As que limpan ou Elisa e Marcela.

O vídeo, que xa suma milleiros de reproducións, conclúe cun chamamento a participar na mobilización e lembrando o lema desta manifestación: “Desde a Ulloa até a ría: terra auga e aire son vida”.