Número 1.000 de 'Nós Diario'

'Nós Diario' arranca os actos de celebración dos 1.000 números: "Ninguén imaxinaba que chegariamos até aquí; agora queremos seguir medrando"

Xoán Costa, María Antonia Pérez e María Obelleiro interviron esta sexta feira nun acto no que A Nave de Vidán ficou pequena. (Fotos: Arxina)
Nós Diario achégase ao seu número 1.000. E Sermos Galiza S.A., empresa promotora do xornal, quere aproveitar a data para consolidar o proxecto e asentalo no futuro. O programa de actos desta efeméride arrancou esta sexta feira en  Compostela.

A Nave de Vidán ficou pequena para o primeiro dos actos organizados con motivo do número 1.000 de Nós Diario. A xornada, promovida pola histórica Agrupación Cultural O Galo, contou coa participación da presidenta da entidade, María Antonia Pérez; do presidente e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., sociedade editora de Nós DiarioXoán Costa, e da directora do xornal, María Obelleiro.

O encontro, aberto a subscritoras e subscritores, colaboradoras e colaboradores, lectoras e lectores e a toda persoa interesada no xornal, serviu de ponte entre os responsábeis de Nós Diario e a súa base lectora, desde a convicción de que o futuro do proxecto está en mans do seu corpo social, e moi particularmente, dos subscritores.

O presidente de Sermos Galiza, Xoán Costa, asegurou no acto que “Nós Diario depende de que haxa máis subscritoras e subscritores e máis apoio social”. Neste sentido, explicou que “un dos obxectivos da campaña articulada ao redor do número 1.000 do xornal é alcanzar 1.000 subscritores e subscritoras máis”. Lembrou que “cando en novembro de 2017 o consello de administración de Sermos Galiza lanzou a proposta de sacar un xornal diario en papel en galego, moi poucas persoas o vían posíbel; porén, a realidade amosou que era posíbel e necesario”.

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, insistiu na idea, ao advertir de que “ninguén podía imaxinar, cando comezamos co diario, que ía chegar ao seu número 1.000, mais a realidade amosou que é posíbel polo esforzo das persoas subscritoras”. Obelleiro apostou por “aumentar o número de subscricións para que Nós Diario siga a ser economicamente sustentábel”. Neste punto, significou que “o futuro pasa por lograr máis apoios nun contexto marcado pola exclusión á que a Xunta da Galiza segue a someter o único diario en papel en galego, a quen trata de afogar economicamente cunha política de axudas clientelar e excluíndoo das grandes campañas de publicidade”.

A directora ve "indispensábel" o xornal para conseguir "sacar do ostracismo temas de actualidade que os poderes públicos, nomeadamente a Xunta, queren agochar”. A este respecto, destacou o papel de Nós Diario para "socializar o espolio eólico, as conexións entre sanidade pública e privada, o papel de Ence na definición da política forestal ou a situación nas residencias de maiores”.

Próximas paradas: Monforte e A Coruña

Actos similares ao desta sexta feira en Compostela terán continuidade nas vindeiras semanas por toda a Galiza. O seguinte terá lugar en Monforte, o 27 de outubro, e na Coruña decorrerá o día 30. Xa na primeira quincena de novembro, será a quenda de Ponteareas, Noia, Vigo, Ourense, Ferrol, Foz, Corcubión, Moaña, Verín, Vilagarcía e O Carballiño. A xeira concluirá o 1 de decembro para chegar a máis de 20 localidades.

Para facilitar a asistencia de quen quixer, Nós Diario dará conta, tanto no formato en papel como no dixital, das datas, horas e lugares concretos destes encontros.