'Nós Diario' ingresa como membro de pleno dereito na rede MIDAS

Intervención do xornalista Yuri Carrazoni por videoconferencia ante a asemblea xeral de MIDAS, esta sexta feira. (Foto: Jakob Volgger)
O xornal torna no 28º integrante da Asociación Europea de Diarios en Linguas Minoritarias e Rexionais (MIDAS).

Nós Diario xa é oficialmente un membro de pleno dereito da Asociación Europea de Diarios en Linguas Minoritarias e Rexionais (MIDAS). O ingreso deste xornal foi aprobado por unanimidade esta sexta feira na asemblea xeral que a organización convoca cada ano, e que desta volta decorreu en Csíksereda (Romanía), co xornal en húngaro Hargita Népe (Xente de Hargita, distrito romanés de maioría húngara) como anfitrión.

O presidente de MIDAS, Edita Slezáková, deu a benvida ás asistentes e, no seu discurso, salientou a "enorme responsabilidade" destes medios de comunicación, pois "as minorías obteñen principalmente a súa información de xornais e sitios web escritos na súa propia lingua". Slezáková analizou os retos que ten por diante o xornalismo e, máis concretamente, os diarios que empregan linguas minoritarias, rexionais ou minorizadas.

Ao remate da xornada matinal o pleno votou a incorporación a MIDAS de Nós Diario como o membro número 28 da asociación, da que tamén fan parte os xornais cataláns Regió7 e VilaWeb, o balear Diari de Balears e o vasco Berria, así como outra vintena de medios de once países de todo o territorio europeo.

O secretario xeral de MIDAS, Marc Röggla, presentou Nós Diario e deu paso ao responsábel da edición dixital do xornal, Yuri Carrazoni, que impartiu un breve relatorio por videoconferencia no que debullou o funcionamento, estrutura e obxectivos de Nós ante o resto de asistentes.

"Unha lingua non é nada se non hai xente que a fale. Para iso, cómpre garantir que estea presente no día a día. A cidadanía da Galiza ten dereito a vivir en galego e a informarse na súa lingua, e precisamente por ese motivo naceu Nós Diario, para cubrir un importante baleiro no ecosistema mediático do país, pois aínda hoxe este é o único diario en lingua galega", dixo Carrazoni, que tamén salientou o "enorme potencial" da lusofonía para as persoas galegofalantes.

O xornalista puxo o foco na necesidade de facer un xornalismo "rigoroso, crítico e independente". Unha independencia que, asegurou, "nos dan as nosas subscritoras e subscritores, as únicas ante quen rendemos contas", pois até 75% dos ingresos do xornal proceden das subscricións e a venda de exemplares nos quiosques.

Concluída a súa intervención, a asemblea xeral aprobou por unanimidade o ingreso de Nós Diario e recibiu o xornal cun afectuoso saúdo.