Tres novos falecementos elevan a 12 as vítimas mortais do COVID-19 na Galiza, que rexistra 721 casos

Estaban as tres ingresadas no Chuac e tiñan patoloxías previas.

Tres novas vítimas mortais elevan a 12 o número de falecementos na Galiza polo COVID-19. Segundo informan as autoridades sanitarias, faleceron nas últimas horas unha muller de 68 anos de idade e dous homes de 93 e 74 anos. As tres estaban ingresadas no Complexo hospitalario universitario da Coruña (CHUAC) e tiñan patoloxías previas.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, este sábado o número de casos de coronavirus en Galiza ascende a 721, -o Ministerio de Sanidade eleva a cifra a 739- deles 195 son da área da Coruña, 54 da de Lugo, 74 da de Ourense,112 da de Pontevedra, 152 da área de Vigo, 108 da de Santiago, e 26 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 28 permanecen en UCI, 166 están en unidades de hospitalización e 527 no domicilio. Polo de agora, na Galiza rexistráronse 6 altas de pacientes e 12 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 4.137.

No conxunto do Estado español este sábado había 24.926 casos rexistrados. Hai 1.331 persoas falecidas. Delas, 804 en Madrid. 

Semana

Nesta sexta feira foron 4 as persoas que morreron a causa do coronavirus. Un home de 79 anos de idade que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e que tiña varias patoloxías previas, unha muller de 93 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Esta muller vivía nunha residencia en Celanova, onde persoas e usuarias agardan resultados

A listaxe de vítimas da sexta complétase cun varón de 70 anos de idade que estaba ingresado no Chuac e un home de 89 anos de idade que estaba ingresado no Hospital de Monforte e que presentaba múltiples patoloxías complexas previas. Era veciño de Chantada e recibira recentemente unha visita dunha achegada de Madrid, que deu positivo ao virus tamén.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta sexta feira, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 567, deles 152 son da área da Coruña, 46 da de Lugo, 63 da de Ourense, 83 da de Pontevedra, 108 da área de Vigo, 94 da de Santiago, e 21 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 19 permanecen en UCI, 137 están en unidades de hospitalización e 411 no domicilio.