O neno Xesús, 'desafiuzado' do portal de belén do Concello de Compostela

No decorado colocado no Obradoiro co gallo destas datas falta a figura do neno [Imaxe: SG]
O colectivo Fartas reivindica a retirada da figura ornamental cunha chamada telefónica anónima. A acción de protesta coloca o foco sobre o negocio das hipotecas, que deixa sen casa 50 persoas ao día na Galiza. Reclaman do goberno local e da Xunta "medidas que vaian máis aló das meras declaracións" e critican os adornos natalicios colocados pola cidade e pagados con diñeiros público namentres cada vez máis veciñ@s "fican condenadas á fame"


Ao belén que o Concello de Compostela, gobernado polo conservador Ángel Currás, colocou na praza do Obradoiro fáltalle a figura do neno Xesús. Comprobárono con sorpresa ducias de turistas que este sábado á mañá visitaron o portal.

Segundo informa a plataforma Stop-desafiuzamentos Compostela nun comunicado enviado á imprensa, o colectivo Fartas reivindicou o "desafiuzamento" de que foi vítima este boneco a través dunha chamada anónima en que informaron tamén de que garanten "a integridade material" do Xesús.

Con esta acción simbólica, ambos colectivos cidadáns colocan riba da mesa a problemática dos desafiuzamentos, que na Galiza afectan a unha media de 50 persoas ao día, segundo os últimos datos feitos públicos polo Consello xeral do poder xudicial.

Cada vez que a banca deixa unha familia sen casa, son pola volta de tres persoas as que fican sen teito. Quéixanse da "escasa preocupación política" perante a situación d@s afectad@s polo negocio hipotecario e exixen medidas "que vaian máis aló das meras declaracións retóricas" pois as solucións, subliñan, "son sinxelas".

No comunicado, redactado en ton humorístico, deixan claro que Xesús "declarou comprender perfectamente que as activistas fiquemos fartas", e acrecentou que partilla "punto por punto" as reivindicacións de Stop-desafiuzamentos Compostela pois tamén el se declarou "farto de que se dilapiden cartos en encher a cidade de motivos de nadal cando cada vez son máis as veciñas e veciños condenados á fame". Stop-desafiuzamentos e Fartas adiántanse xa ás posíbeis declaracións do alcalde santiagués para informar de que "os auténticos vándalos son a banca e os seus gobernos cómplices". En poucos días a figura do belén compostelán voltará descansar sobre as pallas.