VÍDEO NO INTERIOR

As obras continúan no monte Acibal malia a sentenza que ordena paralizalas, denuncia Amil sen Eólicos

Un guindastre filmado a primeira hora desta cuarta feira por membros da plataforma Amil Sen Eólicos.
"Levamos solicitando esta paralización desde marzo á Xunta, vese que non hai présa nin cando o di o TSXG", censuran desde a plataforma.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) asestou esta cuarta feira un novo golpe á política enerxética da Xunta ao acordar a suspensión cautelar das obras —xa comezadas— do parque eólico Acibal, da promotora Norvento e autorizado polo Goberno galego nos termos municipais de Barro, Campo Lameiro e Moraña. Os xuíces do alto tribunal amparáronse así nos danos ao medio ambiente que denunciara Ecoloxistas en Acción.

A Sala concluíu no seu auto que as actuacións previstas no proxecto do parque "afectan os hábitats de interese comunitario e de especies catalogadas situados no humidal das Brañas de Amil, así como aos petróglifos aí situados, do mesmo xeito que no monte Acibal e no Curro de Amil, afectación cuxa maior ou menor intensidade e grao de protección, corrección ou compensación determinaranse —no seu caso— no recurso principal".

Porén, segundo denuncia —perante un vídeo gravado a primeira hora desta cuarta feira— o colectivo Amil Sen Eólicos, as obras continuaron hoxe cun guindastre traballando sobre o monte Acibal, rico en petróglifos e pedras históricas e que xa fora dinamitado en xullo pasado.

Pese á sentenza do TSXG de onte [pola terza feira], continúan as obras no Acibal. Levamos solicitando esta paralización desde marzo á Xunta, vese que non hai présa nin cando o di o TSXG. Qué mais fai falla para que deixen de dinamitalo?", censuran desde a plataforma.