A OJD consolida 'Nós Diario' entre os principais xornais en papel: sétimo en vendas directas e subscricións individuais

Número de exemplares diarios de pago ordinario (subscricións e venda directa). [Fonte: OJD]
Os datos auditados pola Oficina de Xustificación da Difusión (OJD, nas súas siglas en español) demostran unha penetración social cada vez maior de 'Nós Diario' como xornal en papel, ao dar conta do aumento do número de subscricións tanto en soporte físico como para a lectura na nube e de vendas.

A pesar de ver a luz aínda en xaneiro de 2020 e de estar rodeado por prensa consolidada de máis de cen anos de vida, na súa maioría, Nós Diario logrou situarse en 2023 entre os sete principais xornais en papel con maior penetración social na Galiza, segundo os datos da OJD, que audita as vendas directas e subscricións da prensa en papel. Lidera a listaxe La Voz de Galicia, creado en 1882 e que entre subscricións individuais e venda diaria alcanzou de media, ao día, 38.850 exemplares de cobro; seguido de Faro de Vigo, nado en 1853 e que entre subscricións individuais e vendas directas en quioscos sumou 13.533 exemplares de media ao día, e de El Progreso, fundado en 1908, que entre subscricións individuais e vendas directas obtivo, de media, 6.834 exemplares diarios.

Na cuarta posición, con 4.339 exemplares diarios de media entre as vendas directas e as subscricións individuais, situouse La Región, nado en 1910. Na quinta, un xornal español e o único non centenario entre os seis primeiros, El País (1976), con 3.546 exemplares diarios de media entre Ibérica, propietario, entre outros, de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, que alcanzou de media os 3.231 exemplares entre os de venda directa e subscricións individuais e vendas directas na Galiza. E, na sexta, El Correo Gallego, fundado en 1878 e recentemente comprado polo grupo Prensa as subscricións individuais. Nós Diario sitúase a continuación, como sétimo xornal con maior penetración e entre os seis primeiros dos editados na Galiza.

 

Nós Diario supera o Diario de Pontevedra

Entre subscricións individuais ao xornal en formato físico e vendas directas, Nós Diario alcanzou, de media, os 2.293 exemplares diarios. Unha cantidade á que hai que sumar as subscricións dixitais (a réplica da edición en papel, en PDF, para a lectura na nube) tamén auditadas pola OJD. Nós Diario é o único medio dos editados na Galiza con esta fórmula de subscrición, o que permite elevar a cifra a 3.211 exemplares de media, entre as vendas directas e as subscricións en formato físico e da réplica en PDF.

Por detrás de Nós Diario, fican Diario de Pontevedra, creado en 1968, que alcanzou 2.119 exemplares diarios de media entre vendas directas e subscricións individuais; La Opinión de A Coruña, fundado no ano 2000 e que logrou 1.399 exemplares diarios de media entre vendas e subscricións; El Mundo, editado por vez primeira en 1989, que na Galiza contou con 1.318 exemplares de media cada día entre vendas e subscricións; Atlántico Diario, nado en 1987, con 1.186, e ABC, creado en 1903 e que alcanzou na Galiza os 1.015 exemplares de media ao día entre vendas directas e subscricións individuais.

Os diarios do grupo La Capital: El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños, Diario de Arousa e Diario de Ferrol non están controlados pola OJD, se ben a enquisa do Estudo Xeral de Medios (EGM nas súas siglas en español) sitúa estes xornais por debaixo de Nós Diario, que aparece como o sétimo máis lido dos editados na Galiza.

Axudas públicas

Estar baixo o control da OJD ou facer parte da enquisa publicada polo EGM, ambas entidades de recoñecida solvencia, son dous dos requirimentos sen os cales as empresas xornalísticas non poden optaren á liña de axudas convocada cada ano pola Xunta da Galiza. Este tamén é un dos criterios que se empregan para a concesión de campañas publicitarias institucionais.

Malia facer parte de ambas as iniciativas e de situarse entre os xornais con máis vendas directas e subscricións individuais, Nós Diario resulta sistematicamente excluído por parte do Goberno galego porque "non se trata dun xornal impreso e distribuído diariamente". A OJD, a este respecto, define como diario "aquela publicación diaria impresa en papel que se edita, co mesmo título, formato e características peculiares e universalmente recoñecidas como tales, catro ou máis días por semana". Dado que Nós Diario sae cinco días á semana, si cumpre con este requisito.

Nós Diario non é unha rara avis no sistema mediático estatal. De feito, outros medios que se editan entre cinco e seis días á semana, como o caso do euskadún Berria, El Economista, Expansión, Cinco Días ou 20 Minutos, que reciben fondos públicos, vía publicidade ou axudas, nos seus territorios respectivos. Os datos da OJD evidencian que o financiamento de Nós Diario, lonxe de basearse na dependencia das axudas públicas da Xunta da Galiza, susténtanse no apoio das persoas subscritoras.

OJD e EGM, os dous sistemas de medición da prensa en papel

Os dous principais sistemas empregados no Estado español para a medición da prensa en papel son o da OJD e o do EGM. A primeira das empresas mide dous parámetros, por unha parte, as vendas directas e as subscricións de cada xornal e por outra parte a difusión, que suma ás anteriores os exemplares gratuítos e as coñecidas como vendas en bloque. O EGM, que é realizado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación, ao contrario que o caso anterior non audita nin controla as vendas ou a difusión, senón que se trata dunha enquisa de carácter cuadrimestral vía telefónica, na que se lle pregunta á persoa enquisada que diario en papel leu o día anterior (no caso da prensa en papel).

 

Así, mentres a OJD audita os datos, a enquisa do EGM depende do recordo das persoas, de maneira que se lle outorga unha maior fiabilidade ao control da OJD. Porén, os datos máis veraces son os relativos ás vendas directas e ás subscricións, pois habitualmente úsanse os exemplares gratuítos e as vendas en bloque (a hoteis, empresas, institucións, universidades... a cambio de publicidade) para inflaren a difusión, de aí que Nós Diario poña o foco nesta información nas vendas e subscricións dando tamén os datos de conxunto.

Exemplares distribuídos diariamente.

Nós Diario segue sen recibir axudas a empresas xornalísticas

A resolución do 11 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se publican as axudas concedidas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) volveu deixar fóra do reparto Nós Diario como diario en papel. Porén, si ten en conta para o reparto dos 1,25 millóns de euros os xornais situados por detrás de Nós Diario en canto a vendas directas en quioscos e subscricións individuais. Así, a Secretaría Xeral de Medios da Xunta da Galiza outorgou a Diario de Pontevedra 71.451,77 euros (o 5,69% do total). Á Opinión de A Coruña concedeulle 34.304,70 euros (o 2,73%) e ao Atlántico Diario 38.554,64 euros (o 3,07%).

Os diarios do grupo La Capital tamén son beneficiarios da axuda, con 27.684,02 euros (o 2,20% do total), a pesar de que non fan parte da auditoría da OJD e de que tanto El Ideal Gallego como Diario de Ferrol e Diario de Arousa ficaron por detrás de Nós Diario no último estudo do EGM. O outro dos xornais do grupo, Diario de Bergantiños, non aparece citado na enquisa.

Convenios e publicidade

Os 1,25 millóns de euros que o Goberno galego distribúe cada ano entre a prensa escrita —alén da contía adxudicada a xornais dixitais e ás radios— representan só unha pequena parte do que destina en cada exercicio aos medios de comunicación.

Segundo o informe realizado polo xornalista Manuel Vilas para Nós Diario, o Executivo galego repartiu en 2017, á marxe das axudas publicadas vía resolución, no DOG, un total de 20,3 millóns de euros entre os medios por medio de convenios sen concorrencia competitiva nin publicidade.
Ao anterior hai que engadir os ingresos publicitarios, unha vía tamén opaca, dado que os contratos se adxudican a empresas de publicidade e son estas as que distribúen os anuncios e campañas entre os diferentes medios.