Saúde

"A mpox pode deterse": así é o Plan Estratéxico da OMS para conter o virus que custaría 121 millóns de euros

Un sanitario tomando unha mostra dunha persoa infectada con mpox. (Foto: Katson Maliro / OMS)
Os esforzos de vacinación estratéxica centraranse nas persoas con maior risco, incluídos os contactos próximos de casos recentes e persoal sanitario, co fin de interromper as grandes cadeas de transmisión do virus.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de lanzar un Plan Estratéxico Mundial de Preparación e Resposta para deter os gromos de transmisión humana de mpox —enfermidade antes coñecida como varíola do mono— mediante esforzos coordinados a nivel mundial, rexional e nacional. O plan actual está suxeito ás achegas dos Estados membro desta organización, que xa foron informados sobre o citado plan a pasada sexta feira.

O plan cobre o período de seis meses de setembro do 2024 a febreiro de 2025, e prevé unha necesidade de financiamento de 135 millóns de dólares estadounidenses —uns 121 millóns de euros ao cambio actual— para a resposta da OMS, os Estados membro, os asociados da OMS —incluídos os Centros de África para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC)—, as comunidades e o persoal investigador, entre outros actores. En breve lanzarase un chamamento para recadar os fondos que a OMS precisa para executar o plan.

O documento parte das recomendacións temporais e as permanentes emitidas polo director xeral da OMS, Tedros Adhanom, e busca esencialmente implementar estratexias integrais de vixilancia, prevención, preparación e resposta; promover a investigación e o acceso equitativo a contramedidas médicas como probas diagnósticas e vacinas; minimizar a transmisión de animais a humanos, e empoderar as comunidades para que participen activamente na prevención e o control de gromos.

Os esforzos de vacinación estratéxica centraranse nas persoas con maior risco, incluídos os contactos próximos de casos recentes e persoal sanitario, co fin de interromper as grandes cadeas de transmisión do virus. A nivel mundial, o foco sitúase sobre o liderado estratéxico, a orientación oportuna baseada na evidencia e o acceso a contramedidas médicas para os grupos de maior risco nos países afectados.

O Plan de I+D da OMS para Epidemias, xunto cos CDC de África, a Coalición para as Innovacións en Preparación para Epidemias (CEPI) e o Instituto Nacional de Alerxias e Enfermidades Infecciosas, organizarán unha conferencia científica virtual os días 29 e 30 de agosto de 2024 para aliñar a investigación da mpox cos obxectivos de control de gromos.

"Os gromos de mpox na República Democrática do Congo e os países veciños pódense controlar e deter. Para logralo requírese un plan de acción integral e coordinado entre os organismos internacionais e os socios nacionais e locais, a sociedade civil, os investigadores e os fabricantes, e os nosos Estados membro. Este Plan de Acción Estratéxico ofrece esa idea, baseada nos principios de equidade, solidariedade mundial, empoderamento da comunidade, dereitos humanos e coordinación entre sectores", declarou o director Xeral da OMS e doutor Tedros Adhanom Ghebreyesus.

A sede da OMS e as súas oficinas rexionais estabeleceron equipos de apoio á xestión de incidentes para dirixir as actividades de preparación, disposición e resposta, e están a aumentar significativamente o seu persoal nos países afectados.

Na rexión de África, onde as necesidades son maiores, a Oficina Rexional da OMS para África, en colaboración cos CDC do continente, encabezará conxuntamente a coordinación das iniciativas de resposta á mpox. Ambas as institucións acordaron enfocar as súas actuacións partindo dun só plan e un só orzamento como parte do Plan Estratéxico de Preparación e Resposta á mpox para África, que se atopa actualmente en preparación. A nivel nacional e subnacional, as autoridades sanitarias adaptarán as estratexias en resposta ás tendencias epidemiolóxicas actuais.