“Once anos despois, seguimos sen xustiza”: as vítimas de Angrois volven manifestarse en Compostela

Vítimas do accidente do tren Alvia volveron concentrase esta cuarta feira en Compostela para exixir responsabilidades por este sinistro ocorrido hai 11 anos, o 24 de xullo de 2013, e que deixou 81 persoas mortas e 145 feridas.

Afectados e familiares dos falecidos volveron á capital galega 363 días despois do final do xuízo por este sinistro, que concluíu o 27 de xullo de 2023. É, por tanto, case un ano á espera de que a xuíza Elena Fernández Currás emita a sentenza.

A mobilización saíu da estación de ferrocarril, e entre as asistentes estaba a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, a eurodeputada do BNG Ana Miranda e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

En declaracións á prense, Jesús Domínguez, da Plataforma de Afectados Alvia 04155  afirmou que 11 anos despois do sinistro “seguimos sen xustiza, sen sentenza e sen investigación independente” sobre o sinistro. Reclamaron á xuíza do caso que sexa "valente" e que a sentenza que emita, que cren que será "inminente", sexa "exemplar". Esa sentenza "exemplar", en palabras de Domínguez, pasa por unha condena a Andrés Cortabitarte, ex responsábel de seguridade de Adif, empresa pública encargada das infraestruturas ferroviarias, porque "autorizou a desconexión do sistema de seguridade" que evitaría, sostén, o accidente

Pola tarde, ás 18:30 horas celebrarán unha misa na Colexiata de Sar, para logo desprazarse á curva da Grandeira para realizar un acto de homenaxe aos falecidos que principiará ás 19.30 horas.

Xa a quinta feira, 25 de xullo, a Plataforma Vítimas Alvia 04155 convoca un encontro familiar no Xardín do Recordo do Pazo do Faramello, en Rois (comarca do Sar).

Hai case un ano, o 27 de xullo de 2023, concluía este xuízo con dúas persoas sentadas no banco dos acusados: o maquinista, Francisco Garzón, e o ex director de seguridade en Adif -empresa pública responsable das infraestruturas ferroviarias-, Andrés Cortabitarte. Enfróntanse a catro anos de prisión por 80 delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave.

Aínda que nun inicio falouse de varios meses e dun horizonte de espera até a primavera deste 2024, o certo é que se vai a cumprir un ano e aínda non hai fallo deste macroproceso que se prolongou durante 10 meses e acumulou máis de 700.000 folios e unhas 200 pezas separadas, incluída a parte civil.

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, dixo a principios deste mes de xullo que a sentenza se coñecerá "seguro" este 2024, pero evitou pór un horizonte máis concreto para que non pareza que "está a presionar" á maxistrada.

O último día de xuízo, todas as partes elevaron a definitivas as súas peticións, a excepción do fiscal Mario Piñeiro, que no último momento retirou a súa acusación contra o exdirector de seguridade de Adif e só continúa pedindo condena para o maquinista.

Cabe lembrar que a semana pasada o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, propuxo a Piñeiro para un posto na Fiscalía do Tribunal Supremo, un nomeamento que a plataforma de vítimas do accidente de Angrois ve como un "premio" por retirar a súa acusación contra Cortabitarte.