'A Orgulhosa' sitúa Soutomaior na rede de espazos LGBT+ diversos e seguros

Manuel Lorenzo, alcalde de Soutomaior, Rosana M. Boullosa e Cristina García, directora do CIM. (Foto: Nós Diario).
Esta sexta feira, 28 de xuño, e o sábado, día 29, o Concello de Soutomaior (comarca de Vigo) convida a veciñanza a celebrar o Día do Orgullo LGBT+ na primeira festa das identidades diversas e disidentes, unha cita reivindicativa con actividades de balde para todas as idades.

'A Orgulhosa' é a festa coa que o Concello de Soutomaior estrea unha programación de seu para conmemorar o Día do Orgullo LGBT+. A idea partiu da Concellaría de Igualdade e Benestar Social que dirixe Rosana Martínez Boullosa, quen liderou o deseño dunha programación gratuíta e para todos os públicos coa que Soutomaior busca ser referente da diversidade sexual e de xénero.

"Aquí en Soutomaior apenas se celebraba o Orgullo, fóra dalgún acto testemuñal, por iso decidimos organizar dous días completos de actividades, para promovelo ben e facer deste concello un lugar no que a xente se sinta segura, libre de ser e de sentir como queira", sinala Martínez Boullosa en declaracións a Nós Diario.

Un festival diverso

Desde que o Goberno local de Soutomaior deu a coñecer a programación da festa do Orgullo, a primeiros do mes de xuño, a decoración das rúas e prazas do municipio foi mudando. A iniciativa 'Fiestras Orgulhosas' transformou as fachadas e vestiu o municipio coas cores da diversidade LGBT+. "Quixemos que toda a veciñanza colaborase coa colocación de bandeiras en fiestras e balcóns" cedidas polo Concello, explica a concelleira de Igualdade, satisfeita coa resposta da poboación,que practicamente esgotou as prazas dispoñíbeis nalgunhas das actividades programadas que requiren de inscrición previa.

Queremos facer deste concello un lugar no que a xente se sinta segura, libre de ser e de sentir como queira

Talleres, concertos, faladoiros e unha andaina reivindicativa   centran a proposta de actividades que arrancan mañá, día do Orgullo, cun obradoiro dirixidos pola sexóloga Hadriana Ordóñez. 'Contos e Legos' converterase nun espazo de xogo e conversa para todos os públicos sobre a realidade LGBT+, que contará cunha segunda edición o sábado 29. Será o día grande da 'Orgulhosa' e arrancará moi cedo cunha andaina de nove quilómetros que tomará a saída na contorna do castelo de Soutomaior co obxectivo de reclamar dereitos, visibilidade e cero discriminación para todas as identidades, expresións de xénero e orientacións sexuais.

Inclusión

"Todas as actividades son para todos os públicos", insiste Martínez Boullosa, que destaca o compromiso do Goberno local por facer da 'Orgulhosa' unha festa adaptada a todas as persoas e condicións, de cara a unha participación activa e inclusiva.

Tras a andaina, todas as actividades trasladaranse ao porto de Arcade onde terá lugar unha sesión vermú a cargo do dúo Aldaolado seguido do 'Mari Picnic', onde cadaquén "con ganas de compartir" pode participar levando unha tortilla, un bolo de pan e un instrumento.

O xantar dará paso a unha nova sesión de 'Contos e Legos', un taller de bordado no que as participantes poderán deseñar a súa propia bandeira 'Orgulhosa' e un último obradoiro de construción comunitaria dirixido á cativada para crear unha bandeira xigante de globos LGBT+.

Os directos de Flor do Toxo e Mondra, a partir das 21 horas e  con entrada libre, porán o ramo a unha festa que vén para ficar e agrandar os espazos de respecto  e igualdade LGBT+.