Ourense disporá dun Alvia a Madrid a primeira hora cando abran o tramo Zamora-Pedralba

Imaxe da reunión entre Renfe e o PSOE. (Foto: Europa Press)
Este reforzo da conexión coa capital do Estado español, confirmada esta cuarta feira polo presidente de Renfe, Isaías Táboas, contrasta coa negativa da empresa para repoñer as frecuencias de media distancia que retirou na Galiza cando tivo lugar o confinamento.

Ao tempo que se suceden as queixas de moitas persoas usuarias e colectivos en xeral pola falta de conectividade desde algúns puntos ou a horas determinadas, anúnciase que Ourense contará cun novo tren Alvia para conectar a cidade con Madrid cando se estree o tramo da liña de alta velocidade entre as localidades de Zamora e Pedralba.

O presidente de Renfe, Isaías Táboas, explicou a unha delegación de cargos do PSOE que esa conexión será a primeira hora da mañá. Para poñela en marcha só é necesario que entre en servizo o tramo intermedio.

Concretamente, debatendo o asunto con Táboas estiveron Uxía Tizón e Adolfo Pérez Abellas, deputados; o senador Miguel Bautista e o secretario provincial do PSOE, Rafael Villarino.

Foron os socialistas os que quixeron informar desta nova conexión após que estes últimos días xurdiran queixas contra Renfe por aproveitar a situación epidemiolóxica de Ourense para recortar aínda máis a mobilidade de moitas veciñas e veciños.

Desde o PSOE amosan a súa satisfacción coa "melloría da conexión".

Ademais, avanzaron que "temporalmente" haberá asistencia persoal nas estacións de ferrocarril das vilas de Ribadavia, O Barco de Valdeorras, A Rúa e O Carballiño. A idea é axudar a que as e os viaxeiros se familiaricen "coa compra nas máquinas de autovenda".

"Renfe informou de que o servizo Avant entre Ourense, Santiago e A Coruña conta, na actualidade, cunha das maiores taxas de reposición de servizos do Estado, alcanzando un 86% da oferta que existía con anterioridade ao estado de alarma", destacaron desde o partido.