Sanidade pública

Pacientes ameazan cos tribunais se non se publican os datos completos de listas de espera: "A Xunta declárase en rebeldía"

Persoal do servizo de Neuroloxía do CHUS prepara un paciente para a terapia con ultrasóns de alta resolución. (Foto: Ana Varela)
A Asociación de Pacientes do CHUS estuda a interposición dun recurso contencioso-administrativo por "vulneración de dereitos fundamentais" porque a Consellaría, denuncia, "declárase en rebeldía e négase a cumprir" unha resolución da Comisión de Transparencia da Galiza.

Esta terza feira o Ministerio de Sanidade deu a coñecer os datos máis recentes das listas de agarda no sistema sanitario público da Galiza, unhas listas estruturais que xa engrosan até 261.781 galegos e galegas —un de cada dez—. Porén, estes rexistros non son suficientes para a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS de Santiago, que dá un mes de prazo á Consellaría de Sanidade antes de acudir aos tribunais para que se publique toda a información sobre as listaxes de agarda cirúrxicas, estruturais e non estruturais, entre outros datos, correspondentes ao remate do exercicio de 2021.

O colectivo presidido por Fernando Abraldes estuda interpor un recurso contencioso-administrativo por "vulneración de dereitos fundamentais" porque, tal e como denuncia nun comunicado, a Xunta "declárase en rebeldía e négase a cumprir" unha resolución da Comisión de Transparencia da Galiza, cuxa presidenta é a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño.

Este asunto remóntase un ano atrás, en marzo de 2022, cando a Asociación de Pacientes solicitou á Consellaría datos sobre as listas de espera a 31 de decembro de 2021 con base no recollido no 'Anexo IV' do real decreto 605/2003, sobre o tratamento homoxéneo de información no Sistema Nacional de Saúde. A normativa dispón unha serie de cifras que os gobernos territoriais deben elaborar e remitir cada semestre ao Ministerio, e son datos máis amplos que os que habitualmente se publican.

Por exemplo, inclúen as listas de espera non estruturais, é dicir, aquelas referidas a pacientes que están pendentes de ser atendidos mais non por causas atribuíbeis á organización dos recursos dispoñíbeis, senón porque non se lles pode programar unha operación ou ben porque son derivados a outro centro do propio Sergas ou á sanidade concertada. Tamén recolle a chamada "demora media prospectiva", que é o tempo estimado que tardaría o sistema sanitario en absorber o total de persoas que están nas listas para unha intervención cirúrxica.

Ante esta solicitude, a secretaría xeral técnica da Consellaría de Sanidade respondeu o 6 de xuño de 2022 remitíndose ás ligazóns públicas recollidas na páxina web do Sergas sobre a materia, pero que non recollen toda a información que obriga a mostrar o real decreto 605/2003, tal e como pedía a asociación de pacientes.

Comisión de Transparencia

A asociación acudiu posteriormente á Comisión de Transparencia da Galiza. Neste novo procedemento, tal e como recolle a resolución do órgano, o Sergas volveu contestar que a información solicitada era pública na súa web e que os datos a maiores que pide a asociación "requirirían a confección dun traballo ad hoc e suporían tanto unha laboriosidade na extracción" como "unha complexidade técnica na súa análise posterior".

Porén, a Valedora do Pobo, presidenta desta comisión, resolveu o asunto perante un documento datado do 4 de outubro de 2022 no que afirma que "non se xustifica de maneira clara" que haxa que facer esa reelaboración, polo que insta a Xunta a que, no prazo de 10 días hábiles, responda á petición de información.

Días máis tarde, o 15 de novembro, a Consellaría remitiu á Asociación de Pacientes do CHUS un informe de 84 folios que recolle a mesma información. Até hoxe, este colectivo de usuarios continúa queixándose de que segue sen poder acceder a "toda a información" que solicita sobre as listas de espera. A Xunta, denuncian, "confisca o dereito" á información pública que dita a normativa de transparencia.

En declaracións á axencia Europa Press, o presidente desta asociación lamenta que teñan que "gastar diñeiro en avogados" para ter acceso a uns datos "aos que teñen dereito" tanto eles como a sociedade en xeral. O mes de prazo que dan á Administración é o obrigatorio por lei antes de acudir aos tribunais. Iso si, Fernando Abraldes confía en que van gañar este litixio e que a Xunta será "condenada en costas".

Segundo as súas estimacións, as cifras de listas de espera non estruturais, "que non se publican desde o ano 2011", poden ser "demoledoras" porque a información que si publica o Sergas "non ten que ver coa realidade", segundo afirma.