Entrevista

Paulo Vicente Monteagudo: "Se tramitan os eólicos en Sabucedo pola vía urxente estamos indefensos"

Monteaguro, á dereita en primeiro termo, tensando o feche do perímetro en Sabucedo (Foto: Alejandro Enríquez).
A Asociación Rapa das Bestas afronta nun mes a celebración da súa festa, do 5 ao 8 de xullo. As aloitadoras e os aloitadores baixarán do monte 350 bestas cara aos curros de Sabucedo (A Estrada, Tabeirós-Terra de Montes). Mais a celebración este ano vén marcada pola “invasión eólica”, din. Este sábado, a asociación xunto a colectivos veciñais protestarán contra os proxectos eólicos Xubrintas e Alamaceiros, que ameazan, din, o corazón da tradición galega.

—Cal é o obxecto da protesta deste sábado en Sabucedo?
Cando parecía que xa tiñamos as medidas cautelares decretadas polo TSXG e pensabamos que tiñamos un impass e podiamos centrar a Rapa noutra cuestión que non for a loita contra este parque eólico, vémonos empurrados ao mesmo. Pasamos a vaga dos parques tramitados pola  Xunta e aparecen agora os tramitados polo Estado, que aínda son máis bestas, porque van máis alá e cun oscurantismo na tramitación que nos deixa indefensos. Non sabemos do período de alegacións, como alegar, se se vai rexer polo Decreto 2013 ou pola regulación da crise enerxética, se vai pola vía urxente... Se os tramitan polo Decreto 2013 polo menos haberá unha Avaliación de Impacto Ambiental, que nós temos claro que no noso caso é fundamental. 

—En que estado está na Xunta a declaración como Ben de Interese Cultural da Rapa?
Está a proposta na Xunta desde agosto de 2023. Non sabemos nada, xa levabamos moito tempo traballando no BIC, na Estrada sabíano e estivo paralizado. Queremos rapidez nesa xestión para que isto poida ter valor como parapeto fronte ás novas ameazas eólicas. Levamos pedíndoo moito tempo, e foi atrasado. A Rapa das Bestas ten sobradas cualidades, tradición e argumentación histórica como para que a declaración xa estivera concedida.

—Que está facendo a asociación contra esta nova ameaza?
Imos mandar escritos á Xunta pedindo de inicio que lle pidan ao Estado que se tramite polo Decreto de 2013, polo menos cunhas normas nas que a poboación teña oportunidade de defendese contra estes macroproxectos. Se lles dan para adiante pola vía rápida non temos nin forma de defendernos e iso é claramente antidemocrático. Ampáranse en necesidades enerxéticas cando en enerxías renovábeis Galiza está xa moi por riba dos criterios da Axenda 2030. Superámolos amplamente. Empezan a aparecer proxectos que precisan moita enerxía, se seguimos por ese camiño claro que imos precisar máis, pero hai que facer un estudo moi serio de onde si e onde non, porque senón isto lévanos a todos por diante, e no noso caso lévanos o patrimonio antropolóxico e actual, o lugar onde viven das bestas. Por iso protestamos, polas bestas.

—Queda un mes para a festa grande da Rapa das Bestas, como van os preparativos?
Abrimos este mes de xullo a venda de entradas online aos curros, tamén temos a programación cultural Rapa Sons, está todo encamiñado cara á nosa celebración anual. O único que queremos é poder facer a rapa con tranquilidade. O primeiro día en que saíron as entradas vendéronse nas primeiras horas arredor de 400, en total sacamos á venda unas 1.500 por cada curro, pero aínda hai un mes por diante para collelas. Agardamos de novo grande afluencia de público, nos últimos anos mesmo as segundas feiras, cando eran os curros máis familiares e tranquilos, enchéronse.