Pediatras chaman a dedicar recursos a África fronte á mpox: "É o noso deber moral e humanitario"

Un nino infectado con mpox recibe tratamento nun hospital do territorio de Nyiragongo, na República Democrática do Congo. (Foto: Europa Press / Contacto / Zanem Nety Zaidi).
A Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap) considera "imprescindíbel" destinar as vacinas necesarias aos países africanos afectados polo novo brote de mpox.

A entidade médica tomou "unha postura activa", afirma nun comunicado, "para protexer a poboación infantil mediante medidas preventivas e educativas. Pero, ademais, queremos subliñar a importancia de apoiar a vacinación en África, tanto por un deber humanitario como pola necesidade de deter a propagación do virus", manifestou a coordinadora do Grupo de Cooperación, Maite de Aranzábal.

O grupo de Cooperación internacional da AEPap destacou que "a situación en África, especialmente na República Democrática do Congo, é crítica debido á falta de acceso a vacinas e aos recursos limitados dispoñíbeis para enfrontar esta epidemia. A comunidade internacional, incluíndo á OMS e a GAVI (Alianza para as Vacinas), está a traballar arduamente para distribuír vacinas a estas áreas", á vez que recalcou que as doses de que se dispoñen "son totalmente insuficientes".

Solidariedade

A declaración de emerxencia sanitaria internacional por parte da OMS é unha chamada á solidariedade, defende a comunidade científica.

"Desde AEPap consideramos que é o noso deber moral e humanitario dotar os países africanos de todas as doses necesarias para protexer á súa poboación. Iso é o correcto e é esencial para deter a propagación global da mpox".

Vacinar en África é unha medida preventiva global

Afirman as pediatras que unha epidemia sen control en África podería ter consecuencias "devastadoras", que eventualmente afectarían o resto do mundo. "Vacinar en África é unha medida preventiva que protexe tanto aos máis vulnerables como á comunidade global no seu conxunto", indicaron desde o grupo de Cooperación.

Casos novos en crianzas

As pediatras de Atención Primaria mostraron a súa preocupación polo aumento de casos de mpox entre nenos e nenas no continente africano. "Este grupo é especialmente vulnerábel debido ao seu sistema inmunolóxico en desenvolvemento e á súa maior exposición en contornas onde o contacto próximo é común, como escolas e fogares", explicou De Aranzábal.

A diferenza do brote do ano 2022, explica a doutora Cristina Rodríguez, do Grupo de Patoloxía Infecciosa da AEPap, "os casos afectan a todos os grupos de idade, con maior afectación de crianzas, existindo rexións nas que se reportaron un gran número de casos en poboación pediátrica".

"Son precisamente as nenas e nenos máis pequenos e as persoas inmunodeprimidas (como os afectados polo VIH) os que presentan un maior risco de enfermidade grave e de mortalidade. Descoñécese de forma exacta a incidencia real da enfermidade en nenos e adultos nestas zonas, existindo incerteza sobre a maior transmisibilidade, gravidade ou mortalidade destas novas variantes", manifestou Rodríguez.