A oficina de Correos de Taboada pasa a formar parte das 167 oficinas postais da Galiza

Acto do delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco (terceiro pola esquerda), en Taboada. [Foto: Nós Diario]
Durante o ano 2023, os carteiros e carteiras rurais realizaron no conxunto da Galiza máis de 93.000 operacións, datos que segundo o delegado "evidencian a necesidade destes programas que buscan diversificar a súa actividade e ofrecer servizos de proximidade".

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, informou esta segunda feira nun acto desde o concello de Taboada (comarca de Chantada) da ampliación dos servizos de Correos nas áreas rurais, con perto de 1.000 carteiros e carteiras que atenden as 160 oficinas auxiliares distribuídas por todo o territorio galego.

Durante a súa visita, acompañado polo alcalde, Roi Rigueira, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor a ampliación horaria e de servizos da oficina de Correos da localidade, que tras a súa informatización pasará de oficina auxiliar a integrar a rede de oficinas de Correos, que conta con 167 en toda Galiza, prestando os mesmos servizos que as outras 26 presentes na provincia de Lugo.

Na visita tamén estiveron presentes o xerente da área noroeste de produtos e servizos de Correos, Xosé Chorén; o responsábel da rede de oficinas da provincia de Lugo, Miguel García; o xefe de sector de distribución da provincia, Manuel Silva; a directora da oficina de Chantada e responsábel da nova oficina de Taboada, Graciela Ledo; a xefa de reparto en Chantada, Begoña Carballo, e a responsábel de atención ao cliente da nova oficina, Aurora Baltar.

Pedro Branco destacou a aposta do Goberno español "por achegar servizos públicos á veciñanza das contornas rurais, garantindo a igualdade de acceso aos recursos de todas as persoas, especialmente as que viven en concellos pequenos". Neste senso, puxo de exemplo a dotación completa da oficina de Taboada, agradecendo o esforzo a todo o persoal implicado e ao seu alcalde.

Durante o ano 2023, os carteiros e carteiras rurais realizaron no conxunto da Galiza máis de 93.000 operacións, datos que segundo o delegado "evidencian a necesidade destes programas que buscan diversificar a súa actividade e ofrecer servizos de proximidade para facilitar as xestións das persoas que viven no medio rural".

Oficina de Taboada

A oficina de Correos de Taboada mellora desde esta mesma segunda feira a súa atención ao público cun novo horario e unha maior oferta de produtos e servizos na súa oficina da praza Xeneral Muinelo. Abrirán as súas portas de segundas a sextas feiras de 10.30 a 14 horas, un horario "máis adaptado ás necesidades" detectadas por parte de veciñanza, produtoras e cooperativistas locais.

Ademais, supón unha ampliación dunha hora e media máis respecto ao horario habitual da oficina. En canto aos servizos, destacan o envío e recepción ordinaria de cartas e paquetaría, o ingreso e retirada de efectivo, o abono de recibos de calquera subministración, contratación de seguros e enerxía, venda da lotería ONCE e Cruz Vermella, así como o pagamento de premios e xestións para as administracións públicas e a DXT.

Programas no rural

Branco fixo mención a outros dos programas que o Goberno impulsa para achegar a administración á cidadanía, como o Plan Especial da Axencia Tributaria polo que as persoas maiores de 65 anos que residen en concellos de menos de 3.000 habitantes puideron presentar nesta última campaña a súa declaración da renda a través dunha videochamada. Tamén puxo como exemplo desta aposta do Goberno por facilitar as xestións das persoas dos concellos do reto demográfico o programa 'A administración preto de ti', entre outros.