As pensións galegas están un 14% por baixo da media do Estado español

Un ancián camiña por unha aldea dos Ancares. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Os ingresos medios das pensións situáronse na Galiza a finais de xullo en 1.075 euros. Segundo os datos achegados polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, presentados por provincias,  recibían algún tipo de pensión contributiva 305.565 persoas na Coruña, 113.009 en Lugo, 107.499 en Ourense e 248.913 de Pontevedra.

A contía media das pensións varía en función da estrutura produtiva dos diferentes territorios galegos e da súa realidade política, económica, social e sindical. Así, as retribucións na Coruña sitúanse en 1.127 euros ao mes, as de Lugo en 975 euros, as de Ourense en 931 e as de Pontevedra en 1.120. Neste sentido, a pensión media galega está 175 euros ao mes por baixo da estatal, situada en 1.250,7 euros, só cobrando unha contía inferior ás galegas e aos galegos a poboación estremeña, cunha percepción mensual de 1.055 euros. Porén, a pensión media en Ourense e Lugo atópase á cola de todo o Estado.

As diversas clases de pensións deixan rendas moi diferentes que dan unha imaxe máis axustada da situación económica e social deste colectivo. Neste sentido, os ingresos medios das 23.341 persoas que na Galiza perciben unha pensión de orfandade sitúanse en 498 euros de media ao mes e os ingresos medios das 75.848 persoas que perciben unha pensión de incapacidade permanente están en 1.054 euros. Ao tempo, os ingresos medios das 183.964 persoas que teñen pensión de viuvez sitúanse en 761 euros. Aliás, os ingresos medios das 6.890 persoas que perciben unha pensión a favor de familiares sitúanse en 656 euros e, finalmente, os ingresos medios das 487.496 persoas cunha pensión de xubilación sitúanse en 1.231 euros.

Réxime xeral

As contías das pensións presentan diferenzas en función do réxime de cotización das persoas perceptoras. Así, as 460.422 adscritas ao Réxime Xeral na Galiza perciben uns ingresos de 1.226 euros ao mes, situándose na Coruña en 1.290, en Lugo en 1.206, en Ourense en 1.029 e en Pontevedra en 1.247. A retribución das persoas pensionistas na Galiza que cotizaron por este réxime está 143 euros mensuais por baixo da media do conxunto do Estado, presentando uns rexistros peores á media, ademais da Galiza, Andalucía, Canarias, Castela- A Mancha, Estremadura, Illes Balears, País Valencià e a Rexión de Murcia. Ourense volve presentar as cifras máis negativas de todo o Estado español.

Os 52.187 pensionistas galegos que cotizaron durante a súa vida laboral polo Réxime Especial de Traballadores do Mar perciben uns ingresos medios de 1.184 euros, sendo 101 euros inferiores á media estatal e estando á cola do conxunto do Estado. Nesta dirección, as retribucións máis baixas percíbenas os 25.036 residentes na Coruña con, de media, 1.129 euros mensuais, e as máis elevadas os 24.414 asentados en Pontevedra, con 1.228,2 euros. Aliás, nesta anualidade, as pensións por réxime na Galiza seguiron diverxendo coas do Estado, sendo superadas na súa contía polas andaluzas.

As pensións máis baixas do Estado percíbenas 233.911 persoas que cotizaron durante a súa vida laboral polo Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA). Segundo os datos fornecidos polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, en xullo de 2024 percibían unha contía media para o conxunto da Galiza de 777 euros mensuais. As retribucións máis reducidas recíbenas os 52.003 cidadáns xubilados polo RETA en Lugo, con 710 euros mensuais. A continuación sitúanse 36.740 persoas en Ourense, cunha pensión media de 726 euros mensuais, seguidas de 85.186 na Coruña con 777 euros e, por último, 59.982 en Pontevedra con 785 euros.

Autónomos

A contía da pensión dos galegos e das galegas adscritas ao réxime de autónomos está en 89 euros mensuais por baixo da media estatal. A diferenza entre a cantidade percibida por un autónomo vasco -cuxa pensión está á cabeza do Estado- e un autónomo galego é de 253 euros ao mes.