As persoas falecidas en accidentes de tráfico aumentaron 50% na Galiza

Un sinistro na A-55 ao seu paso polo Porriño. (Foto: Garda Civil)

Faleceron 37 persoas entre 1 de xaneiro e 28 de abril

O director xeral de Tráfico, Pere Navarro, alertou esta terza feira do incremento das vítimas mortais en accidentes de tráfico na Galiza, 50% máis que o ano anterior no que levamos de 2024, e pediu implicación da sociedade para reducir estas cifras, á vez que comprometeu máis axentes, controis e radares, concretamente 10 novos previstos o territorio galego dentro do plan de choque que impulsa o Goberno estatal.

Navarro participou en Compostela nunha visita ás instalacións provisionais do destacamento de Tráfico no Polígono de Costa Vella, onde se situarán os axentes mentres duren as obras na súa sede. Na visita participou tamén a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o director xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro.

O director xeral referiuse tamén á sinistralidade viaria na Galiza, en aumento, e destacou que, desde 1 de xaneiro a 28 de abril deste ano, as persoas falecidas en accidentes de tráfico na Galiza aumentaron 50% con respecto ao ano anterior, 37 fronte a 25.

"Isto xa marca tendencia, é alarmante", dixo Navarro, que angediu que o incremento "corresponde todo a turismos" e afecta unha faixa de idade entre os 45 e os 54 anos, "basicamente choques frontais en estradas".

Aínda que a tendencia "non é só na Galiza", se non que afecta a todao o Estada e outros países de Europa, pediu que a poboación poña "atención" á condución e evite condutas de risco.

Sobre a orixe desta repunta, o responsábel da DXT apelou á tensión: "Dáme a impresión de que conducimos como vivimos, e vivimos como vivimos, estamos sometidos, entre unhas cousas e outras, a unha certa tensión e é posíbel que isto o esteamos trasladando á estrada", dixo.