Pintura, música e pasarrúas na defensa da sanidade pública

A plataforma pola defensa da sanidade pública constituiu a súa sección xuvenil que arrancará os seus actos de protesta cunha xornada lúdico-reivindicativa en Compostela.

 

A través da sinatura dun manifesto, representantes dunha ducia de organizacións xuvenís e estudantís constituíron esta fin de semana unha área de traballo para a mocidade inserida na Plataforma SOS Sanidade Pública. 

Acción Universitaria, AGIR, Anova Mocidade, Asociación de Estudantes de Grao en Medicina,  Asociación Estudantil Galega de Esquerdas, Comités, Galiza Nova, Liga Estudantil Galega, Mocidade Esquerda Unida, Mocidade Nacionalista Galega, Xuventude Comunista de Galiza e Xuventudes Socialistas de Galicia denuncian no texto constitutivo os "retallos ideolóxicos" que están a "executar" os gobernos español e galego en mans do Partido Popular tomando "a situación de crise" como "a excusa perfecta". 

Neste senso, lembran que até hoxe as políticas aprobadas pola Xunta de Galiza e Madrid eliminaron "a prestación sanitaria universal" para as persoas "inmigrantes en situación irregular", as "mozas e mozos maiores de 26 anos sen cotización" e as "persoas en situación de desemprego que se ausenten por espazo superior a 3 meses" do seu lugar de residencia. 

Aliás, salientan no manifesto, os sucesivos re-pagamentos farmacolóxicos para doentes crónic@s, próteses ambulatorias, transporte sanitario non urxente, transporte adaptado ou o cobro das operacións de cambio de sexo supoñen unha vulneración da "función primordial de calquera goberno que se diga democrático". 

A saúde: un dereito humano universal

Desta maneira, exixen ás autoridades con competencias sanitarias que dean cumprimento ao marco xurídico actual e garantan "o dereito á protección da saúde" (artigo 43.1 da Constitución española); "o dereito de toda persoa á seguridade social" e á "satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais indispensábeis á súa dignidade" (artigo 22 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos) e o dereito "a un nivel de vida acaído que asegure a saúde e o benestar" de todas as persoas (artigo 25.1 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos). 

Música e loita pola sanidade pública

Para difundir as súas demandas e exixir compromisos políticos que camiñen na liña da protección e garantía do dereito á saúde das persoas a sección xuvenil da Plataforma SOS Sanidade Pública organiza esta terza feira (17 de decembro) un acto lúdico-reivindicativo na Praza do Toural (Compostela). Nesta xornada de reivindicación a iniciativa social comezará coa pintada dun mural ás 18.30 horas. Após, realizarán polas rúas da capital galega un pasarrúas da man do grupo de batukada Trópico de Grelos, Sesión Vermú, García MC e O'Leo e Arremecaghoná. 

Finalmente, darán leitura ao manifesto e rematarán cun Flashmob e a presentación do mural ás 21.00horas. 

A acción visa ser o punto de partida dunha campaña máis ampla que levará a defensa da sanidade pública a todas as comarcas do país.