Especial Sermos250/V aniversario

Un coro de voces para tomar o pulso á economía galega

Imaxe: Elvira Fernández

O suplemento que acompaña o Sermos 250 abrangue nas súas 64 páxinas unha ampla selección de temas e focaxes, entre os que non podía faltar a economía. 

Este 15 de xuño, o semanario sairá acompañado dun suplemento sen precedentes para celebrar o número 250 da publicación. Ao longo de 64 páxinas, o suplemento especial do V Aniversario do Sermos Galiza recollerá 15 entrevistas e 15 pezas analíticas que representan unha radiografía da situación do país e da súa evolución nos últimos cinco anos. E faino da man de 31 persoas representativas de todos os ámbitos.

 

Entre os eidos que teñen cabida neste especial está o da economía. A través de entrevistas e análises tomamos o pulso ao estado actual da economía galega, para alén de debullar retos e necesidades, unha mirada ampla na que nos mergullar desde a viabilidade dunha fiscalidade propia até a innovación tecnolóxica en Galiza.

Co economista Aleixo Vilas falamos do proceso de concentración e centralización bancaria que decorreu estes anos e que alterou notabelmente o mapa financeiro galego, con efectos en campos como o do aforro, onde miles de millóns de euros son destinados a créditos noutros territorios do Estado. A viabilidade dunha banca pública tamén se trata na conversa. Manuel da Cal, coordenador de Fruga, é outra das persoas que entrevistamos neste suplemento especial, onde falamos da situación do agro galego, con especial atención ao sector leiteiro, un dos seus alicerces. O empresario Eusebio Cachafeiro achega a súa visión desde o punto de vista empresarial.

 

O editor de Mallando no Android analiza a innovación e tecnoloxía en Galiza, centrándose especialmente nas fortalezas dun campo imprescindíbel para a competitividade e desenvolvemento económico. O economista Luís Burgos aborda na súa análise os dereitos laborais dos traballadores e o sentido dun sindicalismo propio nun mundo. E María do Carme García Negro, ex-profesora de Economía Aplicada e experta en Economía Pesqueira da Universidade de Santiago, analiza a alternativa do concerto económico como unha posibilidade real, a necesidade dunha fiscalidade propia.

 

Nun número sen precedentes, Sermos Galiza sairá á rúa na próxima quinta feira cun total de 104 páxinas (as 40 habituais do semanario e as 64 do especial) e ao prezo habitual. Unha publicación documental indispensábel para coleccionistas que non deixará ninguén indiferente.