Ponte… nas ondas! presentou o seu modelo en Lisboa

Feche da festa de 'Ponte... nas ondas' en Lisboa (Foto: Nós Diario).

A capital portuguesa vibrou ao son das ondas do patrimonio. O Centro Galego acolleu este sábado a segunda xornada da iniciativa logo da festa do patrimonio na véspera.

Unha delegación de alumnado, profesorado e músicos da Galiza participou esta fin de semana en Lisboa, xunto cunha representación homóloga desa cidade, na presentación do modelo 'Ponte... nas ondas!' de recuperación do patrimonio inmaterial galego-portugués.

O evento fechouse cunha sesión aberta ao público xeral no Centro Galego da capital de Portugal. Segundo o guión previsto, o programa “radiovisual” comezou coa participación do presidente do centro Xesús Bescos e seguiu con entrevistas.

O alumnado coñeceu de primeira man experiencias da emigración galega a Lisboa, como a de Graciano Espinheira, orixinario da parroquia de Barciademera, en Mondariz (Condado) que foi o creador da popular bebida "ginginha”. A súa  família foi para Lisboa a mediados do século XIX e o seu bisavó fundou a empresa pola metade do século XIX. Segundo el mesmo relatou, o seu bisavô, Francisco Espinheira Cousiño, formou a empresa da que é, na actualidade, a cuarta xeración. Neste momento o seu fillo máis vello encóntrase á fronte do negocio da Ginginha.

Actuacións musicais

Roberto, Paula, Ales e Zulema conforman o grupo de pandereita Ghalderios do Centro Galego de Lisboa, que alén de actuar para o público presente, relatou o seu labor de transmisión da música galega tradicional.

Ademais, Luiz Caracol e a gran madriña de 'Ponte...nas Ondas!', a cantora galega Uxía, deixáronse entrevistar e mostraron a súa música no acto.

No apartado musical tamén estivo Paulo Marinho, nado en Lisboa, instrumentista, profesor, investigador, divulgador, compositor e construtor. Marinho dedícase ao mundo da gaita tal vez pola orixe da súa familia paterna en Valença do Minho. En 1983 integrou o grupo musical Sétima Legião e no ano seguinte o grupo de danzas e cantares Anaquiños da Terra da Xuventude da Galiza- do Centro Galego de Lisboa.

A traxectoria de Marinho continuou en 1992 como un dos fundadores do grupo musical Gaiteiros de Lisboa e en 1999 participou na creación da Associação Portuguesa para o Estudo e Divulgação da Gaita de Foles (Apedgf). Hai que lembrar que, para a celebrar o X aniversario de 'Ponte…nas ondas!' os Gaiteiros de Lisboa e o grupo Treixadura gravaron en 2004,  o videoclip A chula da póvoa/Nosa señora da Guía incluído no disco-libro Na ponte (2012).