Pontevedra estrea cargador de móbiles que funciona coa enerxía hidráulica da tubaxe de auga potábel da cidade

Xaquín Moreda no 'recargador' (Foto: Concello de Pontevedra)

Funciona cunha ‘picoturbina’ que aproveita a enerxía hidráulica para transformala en enerxía eléctrica.

O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos do Concello de Pontevedra, Xaquín Moreda comprobou na mañá desta terza feira o funcionamento do cargador de móbiles e doutros aparellos electrónicos instalado na praza de Barcelos.

En compañía do responsábel da empresa Viaqua na cidade, Camisiro González, o concelleiro explicou que este novo aparello funciona con enerxía 100% renovábel grazas á forza da auga canalizada.

A instalación deste cargador correu a cargo da empresa Viaqua xa que é unha mellora incluída no contrato de xestión do abastecemento municipal. Logo de estudar distintos lugares, acordouse a colocación en Barcelos porque tiña as condicións que requiría para o seu funcionamento.

Xaquín Moreda explicou que se trata “dunha proposta innovadora, autosuficiente, con enerxía 100% renovábel e que vai contribuír a sensibilización ambiental da cidadanía”.

“Vai incorporar conceptos como son as enerxías renovábeis, a redución de emisións de CO2, a eficiencia enerxética ou aproveitamento eficiente dos nosos recursos”, engadiu.

Trátase dun elemento que ten unha peana de aceiro inoxidábel, con tres soportes para colocar os cargadores e dun deles é adaptado para persoas con discapacidade.

Dispón dun cabeceiro personalizado e funciona cunha picoturbina que está á vista no chan da praza, para aproveitar a enerxía hidráulica da rede e producir enerxía eléctrica que permite cargar os móbiles.