Mobilidade

Portugal prevé que a conexión en tren de Vigo ao Porto sexa de 50 minutos no seu plan de alta velocidade

Proxecto de alta velocidade en Portugal. (Infografía: Nós Diario).

No documento publicado polo Consello de Ministros de Portugal non figura data para a posta en marcha da conexión entre Vigo e Porto, aínda que recentes estimacións do Ministerio de Infraestruturas luso fixaban o horizonte desta liña en 2032.

Portugal prevé que a conexión en tren de Vigo ao Porto sexa de 50 minutos no plan de alta velocidade para os próximos anos que acaba de aprobar en Consello de Ministros. O Goberno luso anuncia un plan de alta velocidade entre Lisboa e Madrid para 2034, cando o tempo de viaxe será de tres horas, co obxectivo de dar unha alternativa aos voos diarios entre ambas as capitais. Con todo, no documento publicado polo Consello de Ministros de Portugal non figura data para a posta en marcha da conexión entre Vigo e Porto, aínda que recentes estimacións do Ministerio de Infraestruturas luso fixaban o horizonte desta liña en 2032.

A pasada terza feira, o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, e o seu homólogo luso, Paulo Rangel, mantiveron un encontro no que recoñeceron que hai que "liquidar a anomalía" que supón que Madrid e Lisboa sexan as dúas únicas capitais europeas que non están enlazadas pola alta velocidade, pero tamén deixaron claro que é igualmente prioritaria a liña que unirá Vigo co Porto.

Este plan de alta velocidade aprobado por Portugal, que inclúe conexións con Badaxoz e Plasencia, busca unir, ademais, Vigo co Porto en 50 minutos, e esta última con Lisboa nunha hora e cuarto. Con estas alternativas poderíanse reducir os 40 voos diarios entre Lisboa e Madrid e unha vintena entre Porto e Lisboa.

As autoridades sinalaron que a decisión de acelerar a construción da alta velocidade radica na necesidade da descarbonización do transporte a través de modos de transporte máis eficientes e para abordar o desenvolvemento económico e a cohesión territorial e social.

O Consello de Ministros portugués incluíu este proxecto no marco da construción dun novo aeroporto na rexión de Lisboa, que estará en Alcochete, a uns 40 quilómetros da capital, e dunha ponte sobre o río Texo, que será a que garanta a unión con Madrid. Os plans ferroviarios volvéronse urxentes ante a necesidade de garantir a accesibilidade do novo aeroporto.

"Os calendarios dos investimentos será compatíbeis con España, para garantir unha execución coordinada e oportuna do proxecto, optimizando plenamente a dispoñibilidade de financiamento europeo", reza un comunicado do Goberno luso.

Pola súa parte, o ministro de Infraestrutura e Vivenda, Miguel Pinto Luz, dixo que falou esta mañá co seu homólogo español, Óscar Puente, quen lle asegurou "o seu compromiso con este aliñamento estratéxico", segundo informa o xornal portugués Público.

Algúns tramos destas conexións ferroviarias xa están en construción, como o que une Évora con Elvas, na fronteira co Estado español. Con todo, falta por construír o que une Évora con Lisboa.