O PP defende o uso de español e inglés en contidos da CRTVG

Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)

A oposición reclama a retirada do anteproxecto da nova lei de medios, que o BNG ve "un enorme retroceso democrático".

O PP defendeu esta terza feira a "flexibilización" do uso doutros idiomas, máis aló da lingua galega, nos contidos da Compañía de Radio-Televisión da Galiza (CRTVG) que se contempla na reforma da lei de medios deseñada polo Goberno galego, pois entenden que o uso de linguas como o español ou o inglés permitirá proxectar Galiza e a súa cultura "ao mundo".

Así o manifestou a deputada do PP no Parlamento galego Carmen Pomar, encargada de defender a postura do grupo popular durante o debate dunha iniciativa do BNG que reclama a retirada do anteproxecto aprobado pola Xunta da Galiza en xullo e que superou o período de alegacións durante o mes de agosto.

O texto, que esta cuarta feira será votado e, previsibelmente, encontrará o "non" do PP, rexeita a reformulación do marco lexislativo dos medios públicos da Galiza ao entender, en palabras da deputada do BNG Olalla Rodil, que supón un "enorme retroceso democrático", un "asalto" á CRTVG e un "ataque directo aos dereitos lingüísticos". Rodil censurou o que interpreta como un intento do PP de pór os medios públicos galegos "non xa ao servizo dun goberno, senón ao servizo dun partido" ao "eliminar" os mecanismos legais recollidos na anterior lei, aprobada hai unha década e que, segundo a deputada do BNG, "nunca se cumpriu".

Fronte a isto, a deputada do PP defendeu que a reforma pretende adaptar un marco normativo para os medios públicos que quedara “obsoleto” polos cambios nas directivas europeas e estatais e no propio sector audiovisual desde a perspectiva dos consumos, os produtos ou as demandas do público. Pomar acusou a formación nacionalista e o PSdeG de decidir “activar a máquina do lodo” con “mentiras” sobre a falta de independencia ou o mecanismo de elección do director do ente público “en vez de afrontar o debate”.

Por parte do PSdeG tomou a palabra Carme Rodríguez Dacosta, que sentenciou que, de saír adiante a reforma, producirase unha “mingua até límites insospeitados” da independencia dos medios públicos galegos. Así, tamén puxo o foco no rexeitamento xerado por un texto no que “non se tivo en conta” a opinión do persoal, de organizacións do sector, partidos, sindicatos ou colectivos e institucións en defensa da lingua e cultura da Galiza.

Por último, Armando Oxea (Democracia Ourensá) incidiu en que “o lóxico” é que un medio de comunicación “non dependa” do Executivo, máxime cando se trata dun medio de carácter público que, ao seu xuízo, “non debería funcionar” nas mesmas coordenadas e perseguir os mesmos obxectivos que un de carácter privado.

Oposición do persoal

O persoal da CRTVG ratificou onte por unanimidade en asembleas a "frontal oposición" ao anteproxecto de lei da Xunta para os medios públicos de comunicación audiovisual. Cualifican o proxecto como unha "burla á democracia" e afirman que, de prosperar, transformaría a CRTVG "no maior órgano de propaganda do PP". Así, o persoal dos medios públicos mobilizarase para intentar paralizar o que consideran "unha gravísima modificación lexislativa".