O PP pretende agora culpar ao Estado da alza do canón de Sogama após subilo a Xunta o 39%

Paula Prado e Ánxeles Vázquez nun encontro con deputados e senadores galegos do PP. (Foto: Cedida)

Sogama fixo público o pasado mes de agosto a súa decisión de subir o canón do lixo aos concellos de 66 a 108 euros. Porén, o PP tenta agora culpar da decisión ao Goberno do Estado.

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) é una empresa mixta, cuxo accionista maioritario é a Xunta da Galiza, que posúe o 51% das acción, nomea ao presidente da entidade e controla o consello de administración. Precisamente, foi este órgano de goberno da mercantil quen acordou o incremento do canón do lixo aos concellos.

A decisión de Sogama avalada polo Goberno galego está a provocar malestar e protestas en boa parte dos concellos. Neste contexto, explícase que o PP tenta eludir as súas responsabilidades na decisión e cargarlla ao Executivo do Estado.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ánxeles Vázquez sinalou, nunha reunión mantida con deputados e senadores do PP, que “Sogama vese obrigada a actualizar o seu canon”, xa que os custos “fan inviábel mantelo como até o de agora”.

“Non entendemos como España é un dos poucos países, por non dicir o único da Unión Europea”, apuntou Vázquez, “que decide gravar con impostos algo que se está facendo ben como é a valorización dos nosos residuos”.

Vázquez asegurou que os impostos ao vertido e á incineración “representaron o pasado ano unha contía de 9,1 millóns de euros que Sogama soportou cos seus propios recursos, apoiando aos concellos para non gravar as arcas municipais”.

Normativa europea

“Se ben o Estado e o propio PSOE escúdanse no argumento de que a aplicación dos novos impostos obedece á transposición dunha Directiva europea, o certo é que, na actualidade, a práctica totalidade dos países europeos non instauraron estes tributos”, concluíu Vázquez.