Premios Follas Novas do Libro Galego: olla aquí todos os galardóns da novena edición

Foto de familia das persoas galardoadas nos Premios Follas Novas (Foto: Xaime Cortizo).
A gala decorrida no Teatro Principal de Santiago de Compostela serviu de repaso da intensa e prolífica actividade do mundo do libro durante o ano 2023.

A novena edición dos Premios Follas Novas do Libro Galego fecharon a súa edición deste ano coa tradicional gala que deu a coñecer as persoas ganadoras en cada unha das 13 categorías destes galardóns. A gala decorrida no Teatro Principal de Santiago de Compostela serviu de repaso da intensa e prolífica actividade do mundo do libro durante o ano 2023. Os premios reivindican a excelencia conseguida o pasado ano en librarías e editoras e destaca tamén o papel das autoras galegas que dominaron en case todas as categorías.

A Gala dos Follas Novas volveu representar o excelente momento creativo da comunidade do libro na Galiza e volveu pór de manifesto a necesidade de que esta creatividade sexa acompañada por políticas que incrementen a visibilidade e a presenza do libro e da literatura galega na sociedade.

A gala foi presentada polo actor Xosé Barato "acompañado" por unha intelixencia artificial entremetida nas intervencións do presentador. A música para esta novena edición correspondeu a SAL, o proxecto musical de Diego Salgado e Pablo Pazo, guitarra e baixo, arredor do mundo do soul. O xurado desta novena edición estivo formado por Andrea Barreira, David Cortizo, Beatriz Fariñas, Lorena Gómez, Carlos Negro, Arantxa Nogueira e María Villaverde.

Os premios Follas Novas están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías da Galiza (FLG), co apoio da Concello de Santiago de Compostela, a Deputación de A Coruña, a Xunta da Galiza e CEDRO.

Discurso institucional

No nome das tres asociacións impulsoras do premios falou Cielo Fernández, presidenta da Federación de Librarías da Galiza. A presidenta salientou na súa intervención sobre o momento que vive o sector que "podemos afirmar que un ano máis somos quen de manter a espléndida diversidade do noso ecosistema, tanto editorial coma libreiro, e que a calidade da produción escrita en galego segue a ser moi alta".

No mesmo sentido puxo ao Follas Novas como exemplo da creatividade artística da Galiza. "Os libros e  as persoas finalistas nesta gala dan boa conta disto, e sabemos que, ademais das presentes hoxe aquí, hai outras escritoras, ilustradoras, xornalistas, debuxantes, activistas e promotoras culturais, editoras e libreiras, que están a desenvolver un traballo diverso e de calidade", afirmou.

Fernández anunciou unha serie de actividades que se porán en marcha nos vindeiros meses e que servirán para dar máis presenza á comunidade do libro no país e que incrementarán a colaboración entre as tres asociacións que convocan o premio. Tamén apuntou que o ano vindeiro, décimo aniversario dos Follas Novas, haberá novidades nos premios e na gala.

Premios honoríficos

Cada unha das tres asociacións organizadoras entrega na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais, nos que se salienta unha figura das letras, unha editorial ou persoa destacábel do mundo editorial e unha libraría. Os galardóns que se entregarán na gala serán para a libraría Eixo, para o desaparecido editor Francisco Porrúa e para o escritor vasco Joseba Sarrionandía.

Premios FLG | Libraría Eixo

A Federación de Librarías da Galiza premiou nesta edición á Libraría Eixo, que acaba de cumprir 25 anos desde que Javier Ibáñez abrira as súas portas en Ourense en 1999. Desde ese momento, a libraría converteuse nun axente cultural para a cidade, ofrecendo un catálogo de 25.000 títulos e realizando actividades destinadas a dar a coñecer o mundo literario e a crear unha comunidade lectora na cidade.

Premio AGE | Francisco Porrúa

A Asociación Galega de Editoras quere recoñecer este ano a quen foi un dos máis importantes editores de fala hispana no mundo. Francisco Porrúa, nado en Corcubión (comarca de Fisterra) en 1922 e finado en Barcelona en 2014, foi tradutor e editor na Arxentina e fundador dunha das principais editoras de ciencia ficción, Minotauro. Foi editor de Cortázar, Bradbury, Tolkien e Ballard, e tivo unha importancia decisiva na publicación de Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez. Tamén foi editor de Editorial Sudamericana e Edhasa. O premio foi recollido polo seu fillo Antonio Porrúa.

Premio AELG Escritor Galego Universal | Joseba Sarrionandía

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), poeta e tradutor vasco, tamén coñecido como Sarri. Formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juristi e Ruper Ordorika. É membro da Euskaltzaindia e tradutor de Eliot ou Pessoa. Ten publicado arredor de 40 títulos de narrativa, poesía, ensaio ou literatura infantil. Ademais, Sarrionandía foi un dos tradutores ao vasco dos clásicos da literatura galega.

Obras premiadas

Obra de ensaio e investigación
Ser Cetáceo. O fascinante inverno do animal de fondo. Francisco Xosé Fernández Naval. Editorial Bululú.

Obra de divulgación
O cento voando. Amores, alianzas emonogamias. Andrea Nunes Brións e Ánxela Lema (coord.). Edicións Xerais.

Narrativa
Cinco corujas. Susana Sanches Arins. Através Editora.

Obra infantil
A botella de lentellas. Leticia Barbadillo. Edicións Xeraisde Galicia.

Obra xuvenil
Burbullas de calma serena. Andrea Maceiras. Cuarto de inverno.

Libro ilustrado
Maruja Mallo. Enigmaticamente única. Bea Gregores (i) María Canosa. Editorial Bululú.

Banda deseñada, gráfico e humor
Fago o que podo. Afra Torrado. Rodolfo e Priscila.

Iniciativa bibliográfica
Colección Candemaia. Edicións Laiovento.

Obra traducida
Deiche os ollos e miraches as tebras. De Irene Solá. María Alonso Seisdedos. Kalandraka.

Libro de poesía
Retratos de vodas, partos e funerais. Silvia Penas. Editorial Galaxia.

Libro de teatro
Festas de gardar. Díptico para a resistencia. Lorena Conde. Cuarto de inverno.

Libro mellor editado
O gran libro dos nosos montes. Blanca Millán. CumioEditorial.

Promoción da lectura
Espazo Lectura de Gondomar