Máis

Preservar o Tambre: voluntariado ambiental impulsa a rexeneración da flora autóctona

Voluntariado ambiental, esta terza feura na contorna do Tambre (Foto: Adega).
Unha ducia de persoas participaron esta terza feira nunha xornada de voluntariado convocada por Adega para a eliminación de especies exóticas na contorna do río Tambre ao seu paso por Ames (comarca de Compostela). Trátase dunha acción de custodia para a resiliencia do territorio nun espazo onde a flora invasora ameaza os ecosistemas fluviais.

A parroquia de Lens, no concello de Ames (comarca de Compostela), recibiu esta terza feira a primeira hora da mañá as persoas participantes na acción de voluntariado que a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) desenvolveu nas beiras do río Tambre no marco do proxecto Fluivitalis: custodia para a resiliencia, unha iniciativa impulsada por cinco entidades estatais co obxectivo de traballar pola conservación e rehabilitación dos ecosistemas fluviais para aumentar a súa adaptación ao cambio climático.

Adega, desde a Galiza, participa deste proxecto financiado pola Unión Europea a través da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico xunto a ANSE (Murcia), o Grup de Natura Freixe (Catalunya), a Fundació Limne (Valencia) e Red Cambera (Cantabria). Na distancia, desde cadanseu territorio, estas cinco entidades ambientalistas promoven a participación da sociedade na xestión compartida dos ecosistemas acuáticos continentais máis na adaptación de ríos e zonas húmidas ao cambio global mediante solucións baseadas na natureza, o fomento  da economía circular e o desenvolvemento da bioeconomía na contorna máis próxima. Con este fin e o de incorporar a comunidade á mellora dos ecosistemas, propoñen accións concretas que sensibilizan a cidadanía e rexeneran a paisaxe.

Orella de gato

O voluntariado ambiental de Adega regresou esta terza feira ás marxes do Tambre para afondar na problemática das especies exóticas invasoras (EEI) nos ecosistemas fluviais e despexar unha zona de ribeira, na contorna dos muíños de Lens, da Tradescantia fluminensis e da Acacia melanoxylon.

"Non é a primeira vez que intervimos neste lugar, onde se dan feitos e flora de interese presente no Catálogo Galego de Especies Ameazas, principalmente pola Tradescantia fluminensis, unha especie invasora que medra moito, esténdese polo solo e tapiza todo, impedindo que medre o resto", explica a Nós Diario Ramsés Pérez, o que consegue esta planta é afogar a flora autóctona, propia das contornas fluviais, engade. 

A orella de gato, como se coñece de forma común, agromou de novo no lugar após unha limpeza anterior, polo que volveron retirala a man con coidado de non deixar ningún talo que poida xerminar no futuro. "Desta volta o traballo foi máis doado porque creceu en menor densidade e, como estamos no verán, nun vaivén de chuvia e sol, decidimos colocar unha malla que impida que rebrote e que retiraremos no outono", explica o técnico de Adega.

Acacia negra

Na contorna dos muíños de Lens o voluntariado de Adega tamén combateu a acacia negra, "outra invasora  cun forte impacto ambiental moi frecuente nos ecosistemas fluviais xunto coas mimosas, de feito son moi parecidas só que a Acacia melanoxylon ten unha flor máis branca no canto do amarelo intenso". A eliminación da acacia negra faise a través dun descortizado. "A un metro de altura, aproximadamente, facemos un círculo cunha machada ou cunha serra e retiramos a cortiza até a raíz, de tal forma que a planta fica sen alimento, seca e morre".

Onde medra a acacia negra non crece nada máis, nin herbáceas nin arbustivas

Con estas dúas intervencións Adega promove a conservación da flora fluvial autóctona. "O lugar que hoxe ocupa a acacia negra antes pertencía a amieiros, freixos, salgueiros... que foron desaparecendo en favor dunha vexetación monoespecífica. E no caso desta exótica invasora aínda máis, porque a acacia negra produce unhas substancias alelopáticas que fan que debaixo delas non medre nada máis, nin plantas herbáceas nin arbustivas, que é o mesmo que conseguen os eucaliptos", lembra Ramsés Pérez.

Tambre

O río Tambre, con máis de 100 quilómetros de lonxitude desde a comarca de Terra de Melide até e a súa desembocadura na ría de Muros e Noia, é un espazo de alto valor ecolóxico, "o único curso fluvial dos cinco que escollemos [Tambre, Tea, Arnego, Limia e Bibei] que non fai parte da Rede Natura 2000, pero que si estivo na proposta de ampliación que se fixo no ano 2015. E aínda que finalmente non se estendeu, porque desde a Xunta da Galiza non se está a desenvolver este traballo, que a Administración galega lle vire as costas non significa que non teña uns valores de interese e que non mereza ser un espazo protexido". 

Neste sentido, Adega asume un labor de conservación xunto a sociedade que o Goberno galego evita liderar, sinala o técnico de Adega, unha iniciativa que a través de Fluviatilis combina divulgación e actuación, "sempre a través da custodia fluvial e da participación social, desde estudantes en formación, até persoas en paro ou xa xubiladas.

Alén do Tambre, roteiros tamén polo Alto Ulla

Adega realizará dúas actividades, tamén no marco do proxecto de custodia fluvial Proxecto Ríos, para dar a coñecer os valores naturais da bacía alta do río Ulla, un espazo "actualmente ameazado polo proxecto da macrocelulosa de Altri". 

Esta contorna, sinala Adega, "constitúe ambientalmente unha área singular definida por unha xeoloxía e uns solos cunhas propiedades moi particulares que permiten a vida dunha flora única no mundo". Adega quere con estas actividades "sensibilizar sobre a importancia da preservación desta biodiversidade ameazada, así como do coidado do propio río Ulla, o cal tamén se vería drasticamente afectado de chegarse a instalar a fábrica de celulosas no Alto Ulla". A participación é de balde mais cómpre anotarse na web de Adega.