Primeira visita escolar á redacción de Sermos

Un momento da visita

Un nutrido grupo de alumnas e alumnos do IES Espiñeira de Boiro -acompañados de dous profesores- visitaron esta segunda feira a Redacción de Sermos. Estiveron a pé de obra, acompañando o traballo xornalístico. Moi participativos, interesáronse polo proceso de produción do dixital e do semanario."E todo o que escribides é en galego?", perguntou un deles.

25 alumnas e alumnos do IES Espiñeira de Boiro -de 4º da ESO e de primero de bacharelato- estiveron esta segunda feira na Redacción de Sermos Galiza, nunha visita escolar programada polo departamento de historia do instituto como parte das súas actividades formativas. Era a súa primeira experiencia ao vivo nun meio de comunicación.

 

O grupo foi recebido por Xoán Costa, presidente do Consello de Administración; María Obelleiro, directora do semanario; e Xosé Mexuto, director do diario dixital. Estes dirixíronlles unhas breves palabras introdutorias. "Sermos é o meio que devolveu o galego aos quiosques", dixo Costa, quen a seguir se referiu ao proxecto que prepara a empresa para 2019, o lanzamento de O Diario Galego. "Imos facer un xornal para todas e todos, mais dedicaremos unha especial atención á mocidade, porque en vós está o futuro do país", engadiu.

 

 

Durante a visita, as alumnas e os alumnos acompañaron o proceso de redacción, edición e publicación de diversas pezas no diario dixital. "E como se decide onde vai cada cousa?", "e como conseguides a publicidade?", inquirían. Algúns deles non agachaban as súas inclinacións literarias, os máis afirmaban que a súa conexión co mundo dixital é basicamente a través das redes, con Instagram como principal meio de socialización.

 

Mostraron tamén interese nos preparativos de O Diario Galego. E ficaron un tanto perplexos ao se faceren conscientes de que o galego é a única lingua da península que non dispón a día de hoxe dun xornal diario.