Produtoras locais organízanse contra a celulosa de Altri na Ulloa

Altri prevé abastecerse de auga no encoro de Portodemouros. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
A Plataforma chama a mobilizarse o vindeiro 26 de maio.

Tamén os produtores e as produtoras das comarcas afectadas, –Deza, A Ulloa, Terra de Melide e Arzúa– están a preparar, segundo puido saber Nós Diario, un manifesto contra os prexuízos que consideran que a macrocelulosa vai a provocar na zona. Gandeiros, labregas, produtoras en ecolóxico, queixeiras, apicultoras, estabelecementos comerciais e hosteleiros, entre outros, preparan unha toma de postura conxunta contra o “enorme impacto no tecido socioeconómico” que causaría a celulosa de Altri. Todos eles, alén de alertar dos "danos que pode ocasionar a ameaza desta macrocelulosa" na Ulloa, traballan na convocatoria dun acto público no que explicarán as razóns deste manifesto conxunto.

Este Proxecto Gama, co que Altri quere instalar unha celulosa en Palas de Rei (A Ulloa) tivo 25.000 alegacións rexistradas en toda a Galiza, segundo os datos facilitados pola Plataforma Ulloa Viva. Rematado o prazo o pasado 17 de abril, e sen cifras oficiais da Xunta da Galiza que Nós Diario solicitou hai xa un mes, a Plataforma ten feitos os cálculos que colocan Altri como o "proxecto industrial que recibiu máis alegacións na historia do país".

A presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, afirmou esta quinta feira nun acto en Silleda que a Xunta “terá que explicar por que ten tanto interese nun proxecto que asoballa os propietarios lexítimos do territorio, chegando até a expropiación”. Gontá advertiu o Goberno galego de que en caso de instalarse Altri “terá que pagar as consecuencias de implantar pola forza unha industria que obrigará a vivir peor a toda a comarca da Ulloa, o Deza, Terras de Melide e Arzúa e a todos os concellos até a ría de Arousa”.

Gontá insistiu en Silleda en que “só falta saber de que lado está o Goberno do Estado, se do asoballamento, o espolio e a imposición ou, pola contra, do benestar das persoas e o coidado do medio ambiente, do que tanto presumen”.

Diante desta situación a plataforma fixo un chamamento a toda a Galiza a acudir o vindeiro 26 de maio a Palas de Rei á "primeira gran manifestación en contra do proxecto de Altri". Gontá asegurou que “volveremos dicirlle alto e claro non a Altri” e demandou das institucións que “dunha vez por todas escoiten as veciñas e os veciños” destas comarcas.