Parlamento

O debate sobre Altri divide o Parlamento: o PP vota en contra e o PSdeG abstense nunha iniciativa do BNG

O nacionalista Luís Bará relatou os “enganos da Xunta” a respecto do Proxecto Gama, e denunciou que na tramitación do mesmo “a Xunta de Rueda é xuíz e parte, pois xa teñen decidido darlle a declaración de impacto favorábel”.
Luís Bará (BNG), Gonzalo Trenor (PP) e Patricia Igrexas (PSdeG). [Fotos: Arxina | Parlamento]
photo_camera Luís Bará (BNG), Gonzalo Trenor (PP) e Patricia Igrexas (PSdeG). [Fotos: Arxina | Parlamento]

O proxecto da multinacional portuguesa Altri dunha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa) volveu esta terza feira ao Parlamento galego cunha moción do BNG para pedir á Xunta da Galiza “imparcialidade e neutralidade” na súa tramitación e demandando alternativas a respecto desta industria, como un plan de 250 millóns de euros de investimentos na comarca, o río Ulla e a ría de Arousa, e o estudo “dun proxecto industrial alternativo de creación de fibras téxtiles por reciclaxe de roupa usada”, como o que se está a pór en marcha en Finlandia co apoio, entre outros, do grupo galego Inditex.

Finalmente a moción do BNG só tivo o voto a favor do deputado de Democracia Ourensá (DO), Armando Oxea, a abstención do PSdeG, e, en fronte ,os 38 votos en contra dos deputados do PP. A formación socialista presentara unha emenda á iniciativa do BNG, pero antes da súa toma en consideración por parte do deputado Luís Bará –que finalmente a rexeitou e mantivo o texto orixinal da moción–, a deputada do PSdeG Patricia Igrexas expresou xa desde a tribuna do Parlamento a intención do seu grupo de absterse na votación desta iniciativa.

Bará relatou os “enganos da Xunta” a respecto do Proxecto Gama, e denunciou que na tramitación do mesmo “a Xunta de Rueda é xuíz e parte, pois xa teñen decidido darlle a declaración de impacto favorábel”, explicou aludindo a unhas declaracións da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, do pasado 12 de marzo. Unhas afirmacións da titular de Economía que o deputado do BNG cualificou de estar “ao borde da prevaricación, dando por feito o informe favorábel” ao proxecto de Altri.

Bará afirmou que “logo de dous anos tramitándose, agora sabemos a verdade” arredor desta celulosa “descomunal” que, segundo dixo, “que ocupará o mesmo territorio que 600 campos de fútbol”. Ademais o deputado do BNG demandou da Xunta “toda a documentación da tramitación deste proxecto desde o inicio, para coñecer as alternativas que había doutras empresas que si fabrican lyocell”.

A deputada do PSdeG Patricia Igrexas reprochou á Xunta os datos de crecemento industrial da Galiza “por debaixo da media do Estado” e o baixo nivel de execución dos fondos europeos. O PSdeG limitouse a acusar o Executivo galego de “confrontar” co Estado español a respecto de fondos e proxectos industriais e acusou o PP de “inacción” no desenvolvemento da eólica na Galiza.

"Discípulos avantaxados de fake news"

Pola súa parte, o deputado do PP Gonzalo Trenor apelou a filósofos rusos e mesmo ás teorías da postverdade dos anos 90 “como todo o que vén de Trump, Putin, o Brexit e o procés catalán”. Trenor acusou o BNG de ser “discípulo avantaxado de fake news” e mesmo puxo en dúbida persoal investigador e veciñanza que acudiron a Bruxelas a alertar sobre o proxecto de Altri, aos que chamou “falsos científicos, faltos de rigor e defensores de teorías con aparencia científica”.

O deputado do PP tivo especial interese en desvincular o proxecto empresarial que a multinacional lusa Altri busca instalar na Ulloa do Goberno que preside Alfonso Rueda, insistindo en que “confiamos nos organismos técnicos e independentes que serán os que resolvan sobre o proxecto”.

Comentarios