Saúde

O 'interruptor' que incita á actividade física: pode controlarse o desexo de facer deporte?

O estudo conclúe que cando se contraen os músculos de maneira repetida e intensa, debido ao exercicio, pasan a activarse dúas proteínas dunha mesma familia. (Foto: Nós Diario)
"Descubrimos como o propio músculo regula o interese polo exercicio a través dunha vía de sinalización entre músculo e cerebro que non coñeciamos, unha das que controlan que cando facemos exercicio teñamos ese impulso de facer aínda máis", explica Guadalupe Sabio, líder do estudo que tamén asina como autora a investigadora luguesa Cintia Folgueira.

Unha investigación do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) podería dar cun 'interruptor' do desexo de facer deporte, ao descubrir que se activan durante o exercicio certas proteínas que incitan as persoas a estaren máis activas. "Descubrimos como o propio músculo regula o interese polo exercicio a través dunha vía de sinalización entre músculo e cerebro que non coñeciamos, unha das que controlan —porque debe haber varias— que cando facemos exercicio teñamos ese impulso de facer aínda máis", explica a xefa do Grupo de interacción entre órganos nas enfermidades metabólicas do CNIO, Guadalupe Sabio, líder do estudo que tamén asina como autora a investigadora luguesa Cintia Folgueira.

A investigación, publicada recentemente na revista Science Advances, mostra tamén que as proteínas que produce o músculo co exercicio poden regularse entre si, para evitar que o desexo de exercitarse acabe prexudicando o organismo. Os resultados baséanse en datos obtidos en modelos animais e tamén de humanos —persoas voluntarias que realizaron exercicios controlados e pacientes con obesidade—. Isto suxire ás autoras que a vía de sinalización identificada "xoga un papel crucial na regulación da actividade física tanto en ratos como en humanos" e "reforza a súa importancia clínica", dada a coñecida relación entre hábitos de exercicio, obesidade e enfermidades metabólicas.

De esquerda a dereita, Luis Leiva, Leticia Herrera, Alfonso Mora, Guadalupe Sabio, Cintia Folgueira, Elena Rodríguez e Marta León. (Foto: Laura M. Lombardía / CNIO)

As proteínas que se activan

O grupo observou que cando se contraen os músculos de maneira repetida e intensa, debido ao exercicio, pasan a activarse dúas proteínas dunha mesma familia, chamadas p38alfa e p38gamma. A investigación conclúe que se regulan entre si, de forma que o interese por realizar actividade física é maior ou menor dependendo de canto se active cada unha delas.

Hai, ademais, unha terceira proteína implicada: a interleuquina 15 (IL-15). As autoras observaron que a activación de p38gamma por mor do exercicio induce a produción de IL-15, e que esta proteína ten un efecto directo sobre a parte da cortiza cerebral que controla o movemento, o córtex motor. O aumento de interleuquina 15 en sangue funciona como un sinal ao cerebro para potenciar a actividade motora, o que impulsa os animais a estaren máis activos de forma voluntaria.

"Neste estudo desvelamos que a activación de p38gamma muscular inducida polo exercicio conduce á produción de IL-15, que posteriormente aumenta a actividade física espontánea. Tamén achamos este eixo p38gamma/IL-15 en humanos despois do exercicio, o que subliña a súa relevancia clínica á hora de promover o exercicio entre a poboación", salientan.

En humanos observouse que as dúas proteínas p38 se activan en músculos que se exercitan cunha actividade de intensidade crecente. Tamén se constatou un aumento de interleuquina 15, e que as persoas obesas teñen valores máis baixos en sangue desta proteína. Esta relación coa obesidade é fundamental, xa que se trata da desorde metabólica máis frecuente en todo o mundo e cuxa prevalencia e incidencia están en constante aumento.

O exercicio habitual considérase unha estratexia efectiva tanto para a súa prevención como para o seu tratamento. "A correlación entre a activación de p38gamma no músculo humano durante o exercicio intenso e o aumento dos niveis de IL-15 en sangue pon de relevo a importancia terapéutica potencial desta vía no tratamento da obesidade e as enfermidades metabólicas", escriben as autoras en Science Advances.

Un fármaco que incite ao deporte?

Para Sabio, un dos seguintes pasos será confirmar que a proteína IL-15 é en efecto un marcador en sangue da gana de facer exercicio. Confirmado este punto, a investigadora considera que "se pode estudar se distintos tipos de exercicios —pesas, correr, crossfit— estimulan máis ou menos, e tamén se teñen o mesmo efecto nunha persoa que padece obesidade que noutra que non". Isto pode axudar as e os adestradores a deseñar os seus programas con maior eficiencia.

Sabio engade que mesmo se podería pensar en crear un fármaco derivado da IL-15 para as persoas con maior necesidade de se beneficiaren dos efectos positivos do exercicio físico, e menor tendencia a realizalo ou mantelo. Por exemplo, as persoas con obesidade. E prevé xa o usar ese modelo para tentar determinar mellor a relación entre o exercicio ou a lonxevidade e o cancro, e descubrir os mecanismos que a regulan.