Publicada a suspensión cautelar de licenzas e comunicacións previas de locais vinculados ao turismo en Compostela

Turistas nunha rúa céntrica da zona vella de Santiago. (Foto: Arxina)
A medida entrará en vigor esta quinta feira, 20 de xuño.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta cuarta feira a resolución pola que se suspenden de forma cautelar as licenzas e comunicacións previas de determinados estabelecementos vinculados ao turismo en Compostela, así como suspende o cambio de usos comerciais por residenciais nos baixos.

Desta forma, a medida, que entra en vigor esta quinta feira, débese ao acordo do Goberno local desta segunda feira e o obxectivo é protexer o comercio local

A suspensión afecta á implantación de novos usos residenciais na planta baixa en locais onde había outros usos comerciais, novos usos e actividades de carácter terciario en planta baixa, os cambios de uso de actividades nos locais existentes e á modificación das condicións ou das características da actividade existente.

Pola súa parte, non están afectados aqueles locais nos que se inicien actividades que teñan carácter dotacional, é dicir, docente, sanitario, asistencial e deportivo, entre outros.

Tampouco repercutirá sobre as comunicacións previas de primeira ocupación de vivendas, cando xa obtivesen licenza urbanística de execución das obras necesarias para o uso residencial.

Outra das excepcións que recolle a suspensión é cando o uso ou a actividade que se vaia a iniciar -ou modificar as súas características- sexa de oficinas e non teña carácter turístico.

Neste sentido, considéranse de carácter turístico as oficinas de cambio de moeda, as axencias de viaxe, visitas guiadas, consignas, free-circuítos e similares.