Que relación existe entre os grandes incendios que asolan California e as plantacións de eucalipto?

Bombeiro californiano ante as lapas do incendio Park o pasado 25 de xullo. (Foto: Cal Fire / Zuma Press / ContactoPhoto via Europa Press)

Os incendios activos a día de hoxe en California arrasaron xa a superficie equivalente ás comarcas de Lugo e a Terra Cha.

Máis de 6.000 bombeiros do Val Central de California continúan loitando este domingo contra o maior incendio dos Estados Unidos de América (EUA), o denominado incendio Park, que xa pasou aos libros de historia como o cuarto maior incendio rexistrado no Estado.

A escaseza de chuvias e a chegada de tormentas eléctricas e fortes ventos, acompañados de temperaturas que superan os 35ºC, axudaron pouco ao operativo de extinción que traballa na rexión desde que se iniciou o fogo o pasado 24 de xullo.

Con todo, o incendio Park, que deixa xa máis de 1.623 quilómetros cadrados de territorio queimados, perto de 600 casas e outras estruturas destruídas e máis de 4.000 persoas desprazadas, non é o único que asola California.

Segundo o departamento de Silvicultura e Protección contra Incendio de California, un total de 4,767 incendios mantéñense activos este domingo no Estado, moitos deles iniciados xa o mes pasado. En total, acumulan unha superficie queimada de 3.144 quilómetros cadrados, o que equivale á área das comarcas de Lugo e a Terra Cha en conxunto.

A temporada de incendios en California tivo un comezo “intenso”, o que aumenta o risco de esgotar os recursos de extinción —motivo polo cal o Centro Nacional Interaxencial de Bombeiros xa solicitou a axuda de Australia e Nova Zelandia— e fai que agrome máis unha vez unha pregunta: están relacionados os grandes incendios californianos coa estendida presenza de eucaliptos neste Estado norteamericano?

A Galiza, Portugal, Grecia, Chile, California, Hawaii. Todos combateron no último ano grandes incendios cun elemento en común: extensas plantacións de eucalipto.

As especies do xénero Eucalyptus son consideradas, ao igual que os piñeiros, especies pirófitas: atópanse adaptadas e sobreviven en ambientes onde a frecuencia de incendios é alta. Cando inicia o lume, estas plantas arden con facilidade mais non morren, se non que queiman as súas partes aéreas e, ao cabo duns meses, volven medrar. O mesmo ocorre coas súas sementes, que sobreviven. No caso do piñeiro, o lume favorece a apertura das piñas e a saída de máis sementes, que colonizan rapidamente o ambiente, xerando un círculo vicioso.

Así, se ben estas especies non xeran lume por si mesmas, mais unha vez iniciado e acompañados de temporadas de seca e vento, favorecen a súa propagación, téndose comprobado que, en zonas arbóreas incendiadas, as zonas máis afectadas son as que contan con especies pirófitas.