Que é o selo ‘Destino Starlight’ que acaban de conseguir os Ancares?

Vista dos Ancares desde O Cebreiro. (Foto: Deputación de Lugo)

Xa son sete os destinos turísticos Starlight que se poden visitar na Galiza

A Reserva da Biosfera dos Ancares, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá vén de conseguir a certificación de Destino Turístico Starlight. Así o confirmou a Deputación de Lugo este domingo nun comunicado. Mais... que significa este selo que xa tiñen outros seis lugares na Galiza?

Os Destinos Turísticos Starlight son lugares visitábeis que gozan de moi boas calidades para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para desenvolver neles actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

Así, a acreditación que concede a Fundación Starlight (impulsada polo Instituto de Astrofísica de Canarias) está concibida para protexer o ceo nocturno mediante diferentes actuacións e desenvolver as potencialidades do turismo das estrelas no territorio.

Unha vez conseguida a distinción, sinalan desde a entidade provincial, o seguinte paso será pór en marcha unha mesa de traballo para abordar as actuacións de carácter astronómico e astroturístico necesarias para axeitar as fontes de luz á actividade de observación das estrelas e impulsar servizos e recursos turísticos especializados.

Con este novo selo, os Ancares súmanse aos outros seis destinos galegos que xa tiñan estaa certificación: Parque Nacional das Illas Atlánticas da Galiza, A Costa da Morte, Trevinca, Muras, Lalín e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas.