Controlado o incendio do Castro de Elviña, na Coruña, cunhas seis hectáreas afectadas
Un incendio forestal declarado contra as 19 horas desta cuarta feira na Coruña arrasou até o momento unhas seis hectáreas de superficie, segundo as primeiras estimacións.
Os equipos de extinción deron o fogo por controlado durante a madrugada, mais esta mesma mañá as chamas reaviváronse nas inmediacións do Castro de Elviña.
Con todo, contra as 12 horas os servizos de extinción volveron controlar o incendio e agora traballan na refrixeración da contorna para evitar un novo surto, segundo vén de informar o Concello da Coruña.
Proximidade ás vivendas
O lume atópase moi perto da Terceira Ronda, así como do campus universitario da UDC. Aliás, hai núcleos de vivendas próximos, o que desatou a preocupación entre a veciñanza.
Desde o Goberno coruñés informaron de posíbeis cortes de tráfico na zona por mor das chamas, en función da evolución do incendio, algo que, polo de agora, non foi preciso.