Os recortes en Educación mobilizan as comunidades educativas do Barbanza e As Mariñas

A comunidade educativa de Rianxo manifestouse este 15 de agosto para reclamar un ensino de calidade. (Foto: Nós Diario).
As Anpas de Rianxo e Miño maniféstanse contra o "pasotismo" da Xunta da Galiza.

No mes de vacacións por excelencia e nunha das xornadas festivas máis concorridas do ano, os recortes en educación abriron camiño no medio das celebracións para dar conta da preocupación e do cansazo das familias de alumnado de todas as etapas educativas, que reclaman solucións urxentes ao Goberno da Xunta da Galiza ante a previsión dun curso marcado pola escaseza de persoal en aulas masificadas e centros que non gozan das condicións de seguridade mínimas para garantir unha atención e ensino de calidade.

Centos de persoas nas comarcas do Barbanza e As Mariñas convocaron este 15 de agosto senllas manifestacións en Rianxo e Miño para exixir melloras estruturais nos centros e os recursos necesarios que garantan o 100% das horas lectivas así como unha oferta educativa ampla que atenda os intereses do alumnado.

A carencia de profesorado e as deficiencias nas instalacións educativas guiaron as protestas nun escenario e noutro. A Coordinadora das Anpa de Rianxo convocou a veciñanza na rotonda do recheo, desde onde marchou a pé até a praza Castelao.

Non máis precariedade

Baixo o lema 'Por un ensino público de calidade: Rianxo, non máis recortes', membros das comunidades educativas do CEP Xosé María Brea Segade de Taragoña, do CEIP ADR Castelao de Rianxo, do CEIP Ana María Diéguez de Asados, da Escola Infantil de Rianxo así como do IES Félix Muriel, ademais do CRA de Rianxo, que agrupa as escolas de Abuín, Capela, Cruceiro, Cuvide, Outeiro, Pazo Quintáns e Rañó, manifestáronse para demandar á Xunta, todas a unha, o cumprimento da normativa en materia de educación e reverter a mingua de profesorado dos centros cando terán que abrir o curso con aulas ateigadas e con alumando que precisa "unha atención especializada para o seu desenvolvemento, tanto académico como persoal, e que vai ter consecuencias directas na súa vida adulta".

As familias do Brea Segade e do ADR Castelao foron as primeiras en saír á rúa para protestar polas condicións en que se atopan os seus centros e pola falta de docentes e especialistas para asegurar un ensino inclusivo e de calidade. A pasada segunda feira concentráronse para reclamar melloras nas instalacións que resolvan as deficiencias en materia de "seguridade e accesibilidade" que a día de hoxe comprometen a integridade física tanto do alumnado como do profesorado.

Esta quinta feira, arroupadas por familias doutros centros educativos do municipio, equipos directivos, veciñanza, asociacións e membros da corporación local instaron a Consellaría de Educación a cumprir os seus propios acordos: a desdobrar aulas cando o número de estudantes superar o límite fixado e a garantir as horas de apoio educativo especializado que o alumnado require en cada curso e en cada centro.

Representantes políticos do PSdeG, do BNG e de Rianxo en Común, que encabeza o Goberno municipal, participaron na concentración para demandar ao departamento que dirixe Román Rodríguez "unha solución" para que se cumpra a ratio de profesorado acordado con CCOO, Anpe e UXT e "investimento para centros con "problemas estruturais", destacou o voceiro dos socialistas de Rianxo, Óscar Rial.

Protestas e cortes de tráfico en Miño

A comunidade educativa do CPI Castro Baxoi de Miño (As Mariñas) concentrouse esta quinta feira, tamén, para demandar "Solucións, profesorado e infraestruturas". Convocados pola Anpa Miño, nais e pais concentráronse ante o restaurante Carboeira antes de percorrer a pé o treito que os separaba do paso de peóns da estrada DP-4803, á altura da saída da autoestrada AP-9, onde tivo lugar a protesta.

As familias denuncian "o ninguneo" do centro público integrado, "obrigado a dividir aulas nun edificio xa sobrecargado", polo que o alumnado seguirá amoreado. Malia recibir máis estudantes o próximo curso, a Consellaría de Educación "enviou un profesor menos", o que afectará ao servizo de biblioteca e de acompañamento e orientación. A Anpa alerta dunha ESO masificada, sen docentes para Cultura Financeira ou Filosofía e sen apoios para o alumnado con necesidades educativas.