A Rede do Rural presenta o seu informe anual: "É fundamental frear, tal e como está exposta, a posíbel implantación de Altri"

Representantes da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, na presentación do seu informe anual (Foto: Europa Press).
A coordinadora da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural presentou esta segunda feira en Lugo os resultados do informe de anualidade 2023-2024 'O rural informa' e chamou a atención sobre a urxencia de elaborar un "plan específico para a educación no rural da Galiza".

A coordinadora da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural presentou esta segunda feira en Lugo os resultados do informe da anualidade 2023-2024 O rural informa e chamou a atención sobre a urxencia de elaborar un "plan específico para a educación no rural da Galiza" así como de "frear" o proxecto de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) e paralizar varios dos macroeólicos pendentes de instalación no país.

Estas son algunhas das reivindicacións resultantes dun proceso de investigación e dun debate desenvolto, previa elaboración do informe, por parte das diferentes entidades adheridas ao organismo, que agrupa a colectivos, movementos de renovación pedagóxica, sindicatos e asociacións ecoloxistas distribuídas ao longo de todo o territorio da Galiza.

O citado informe, de cuxas conclusións se fixo eco esta segunda feira a coordinadora da Rede do Rural nun acto decorrido na Facultade de Formación do Profesorado da cidade das murallas, pon de manifesto a existencia dunha "vulneración dos dereitos da cidadanía rural" expresada en diferentes ámbitos.

Así, en materia de educación, o equipo de traballo da Rede do Rural dedicado á Planificación Escolar denunciou a "perigosa carencia" dunha normativa capaz de garantir "a estabilización de docentes" con destino en centros escolares situados en áreas rurais e subliñou a "fundamental" importancia de elaborar un plan específico para o ensino en áreas rurais da Galiza.

Así mesmo expuxeron, no mesmo ámbito, que o acceso aos servizos de comedor e transporte sexan gratuítos para o alumnado de contornas urbanas que desexe escolarizarse no rural; e solicitaron á Consellaría de Educación "o estabelecemento dun número mínimo de alumnos para fechar as unitarias", así como unha "moratoria de feche" cando comece a descender o alumnado.

Instalación industriais e macroeólicas

O informe, que tamén alerta da "deterioración programada" e da situación de "abandono progresivo" dos servizos públicos sanitarios en áreas rurais á vez que subliña a necesidade de implantar "vivendas comunitarias públicas" para satisfacer as necesidades da poboación do medio rural en materia de autonomía persoal e dependencia, reserva un capítulo especial ás consecuencias provocadas pola implantación de grandes proxectos industriais no territorio.

"A Rede do Rural constatou que máis de 40 parques macroeólicos, dos perto de 100 previstos, que misteriosamente recibiron autorización administrativa, están paralizados polos tribunais grazas ao traballo de denuncia dos movementos veciñais", destacou Rubén Constenla, portavoz da rede, para acto seguido denunciar a "supresión de períodos de exposición e información pública" preceptivos para garantir, dixo, a "lexítima presentación de alegacións" por parte da cidadanía.

"Do estudo do Plan Eólico galego dedúcese que está proxectado para servir os intereses de macroindustrias electrointensivas ou de fondos financeiros asociados aos monopolios enerxéticos", engadiu. Tamén fixo constar no seu informe a Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural os perigos derivados das implantacións industriais baseadas en monocultivos forestais de eucaliptos e outras especies alóctonas en diferentes puntos da Galiza.

"Resulta incomprensíbel que se renovase unha concesión de 60 anos a unha empresa en Pontevedra consumidora de materia prima procedente da produción forestal de eucalipto", sinalaron, en relación a Ence, antes de trasladar a súa "gran preocupación" polo proxecto industrial que a multinacional portuguesa Altri pretende levar a cabo na comarca da Ulloa.

"Este informe recolle demandas e exixencias para as Administracións públicas competentes. Para a Xunta da Galiza mais tamén para as Deputacións, que poderían dar resposta a varias das nosas reivindicacións", sintetizou Constenla. "É fundamental frear, tal e como está exposta, a posíbel implantación de Altri en Palas de Rei e tamén nos parece urxente frear varios dos macroeólicos", concluíu.