Reforestan con eucaliptos o único espazo natural do carballo anano

Lirio do Monte [Imaxe Monte Pindo / Imaxe capa Juan F.G.]

A Asociación Monte Pindo Parque Natural denuncia a "alianza" entre o "abandono da Xunta" e "os intereses empresariais" no Olimpo Celta un ano despois da catástrofe. 

 

O movemento veciñal e asociativo que defende a catalogación do Monte Pindo como Parque Natural denunciou esta quinta feira (11 de setembro) a presenza de empresas madereiras na zona que están a propor á veciñanza o repoboamento das súas terras con árbores pirófitas, nomeadamente eucaliptos. 

Con motivo do primeiro cabodano do indendio que arrasou co Olimpo Celta, Monte Pindo Parque Natural asegura que "a organización tivo coñecemento de que testaferros" de distintas empresas madeireiras "están visitando a veciños e propietarios particulares nas saias" do Pindo para lles propor a retirada das árbores queimadas e a substitución destas por outras "sempre con eucalipto", aseguran. 

Após un ano da catástrofe, o movemento veciñal critica con dureza "o abandono" do Olimpo Celta por parte da Xunta, unha actitude que, subliñan, permite que "se estea suplantando a vexetación autóctona". Mais tamén, sinalan, actuou como "colaborador necesario" para que se tiver producido o lume, pola "omisión" das súas responsabilidades na protección do monte. 

O movemento veciñal critica con dureza "o abandono" do Olimpo Celta por parte da Xunta

E é que desde o inicio do incendio que en menos dunha semana puxo fin a un espazo natural protexido onde habitan especies únicas, como o carballo anano, a administración galega continúa sen actuar de maneira consecuente coas súas responsabilidades.

O movemento veciñal critica con dureza "o abandono" do Olimpo Celta por parte da Xunta

A Xunta de Galiza é a concesionaria da xestión do Monte Pindo, propiedade do Concello de Carnota e da Comunidade de montes de Caldebarcos. Até o momento, denuncian desde a asociación, "nen a propia Xunta" nen "ninguén da administración, como a xefa de Distrito Forestal, Sara Romero" alzou a voz perante a substitución da vexetación. 

Unha ameaza para o carballo anano

"Temos recibido queixas de que cando estas corporacións reciben permiso para plantar" eucaliptos "mesmo actúan en terreos colindantes para os que non teñen ningún tipo de acordo cos propietarios", exclaman.

Denuncian que as madeireiras están a propor a retirada das árbores queimadas e a súa substitución por árbores foráneas, nomeadamente eucaliptos

Un feito que está a converter a presenza do eucalipto "antes do lume anecdótica no Pindo", lembran, "nunha ameaza" para o hábitat do carballo anano. Unha especie autóctona que tan só se atopa na ladeira deste monte e que, polos seus trazos --máis pequena e de crecemento lento-- se ve prexudicada polas características de especies forestais invasoras como o eucalipto. 

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural reiteran á Xunta de Galiza a súa petición de catalogar o Olimpo Celta coa máxima consideración, Parque Natural, permitindo que a dotación económica e humana que lle correspondería como tal, contribúa a recuperar este espazo natural e a protexelo. 

Este sábado 13 de setembro a organización convoca un roteiro para conmemorar o cabodano do incendio que partirá ás 10 da mañá do Restaurante O Feitizo (Caldebarcos) e que percorrerá o Pindo para dar testemuña da recuperación natural de parte da súa vexetación mais tamén da necesidade de trazar un plan de recuperación que impida a desaparición deste espazo único.